Máis de 900 historias de ata 200 palabras foron presentadas por persoas de todas as idades na quinta edición do concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. Na entrega de premios celebrada onte, tanto os presidentes da Academia e de PuntoGal (Víctor F. Freixanes e Manuel González) como os galardonados celebraron a importancia do galego como lingua para todos os usos. De feito, a gañadora do segundo premio da categoría infantil con Lingua adoptiva, Marina Cabrera Vives, reside en Galicia dende hai dous anos: “A verdade é que o galego se fixo para min”.

Ao respecto Víctor F. Freixanes engadiu que “o galego é unha lingua feita para ela, para nós, para todo un país que construímos día a día os galegos e galegas de nacemento e de acollida”. Os relatos xa poden lerse en academia.gal e relatos.gal. Na categoría de adultos resultou premiado Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia. Carlos Neira Suárez, xubilado do naval, fíxose co segundo; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, co terceiro.

O primeiro de xuvenil foron para Antía Novas Arribas, o segundo para Lucas González Pérez de Ourense, e o terceiro para Carlota Alcalde Lorenzo de Noia. En infantil o primeiro premio foi para Elena Pastoriza de Bueu, o segundo para a citada Marina Cabrera e o terceiro para Ximena Landeira.