La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022

A obra ‘A culpa’ gañou o Xerais de Novela, ‘Cicuta para dous’ o galardón Jules Verne de literatura xuvenil e ‘Unha nova dimensión’ levouse o Merlín de literatura infantil

María Solar. L. O.

As obras cos títulos A culpa, Cicuta para dous e Unha nova dimensión resultaron gañadoras do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil, respectivamente. Os gañadores son María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

O xurado da XXXIX edición do Premio Xerais de Novela no que concorrían 40 obras acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Culpables que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Solar (Santiago, 1970) e corresponde ao título A culpa. Segundo o xurado, A culpa é un xogo de espellos entre dúas amigas e socias indisolubles, unha relación que comeza cunha clara manifestación de apoderamento persoal e feminino para se ir convertendo nunha submisión tóxica agoniante cun final perturbador onde a culpa se converte nun personaxe omnipresente.

“Estamos ante unha novela de intriga que mantén até o último alento a necesidade de descubrir cada un dos elementos agochados nesa poza intermareal en que se mergullan as persoas lectoras para poder desentramar e comprender con lucidez a historia que se conta”, di Xerais nun comunicado.

María Solar é escritora e xornalista. Coordinadora de Cultura da Corporación Radio Televisión de Galicia e presentadora do programa cultural da TVG Zigzag Fin de Semana.

Pola súa banda, o xurado da XIV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, declarou gañadora por unanimidade a obra co lema Epicuro, que resultou ser de Rocío Leira e corresponde ao título Cicuta para dous. O xurado do galardón valorou a forza do argumento, a orixinalidade, o manexo da lingua e, sobre todo, o carisma dos personaxes dunha novela que consideraron redonda.

“Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu”. A aparición na sección de anuncios por palabras dun xornal deste anuncio é o arranque de Cicuta para dous, unha novela chea de intriga e humor, tinguida de pinceladas filosóficas que dan xogo para a reflexión. A través das páxinas desta novela, Erundino Terrón Vidal, filósofo, e a súa secretaria Irma Redondo Camporrapado, leva ao lector a resolver o misterio.

Rocío Leira naceu na Pereiriña (Cee) no ano 1979. Licenciouse en Matemáticas pola USC e na actualidade dirixe un centro de formación para estudantes universitarios en Compostela.

Por último, o xurado da XXXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou, tamén por unanimidade, declarar gañadora a obra presentada baixo o lema Equinoccio, cuxo título resultou ser Unha nova dimensión, escrita por Anxo Iglesias (Vigo, 1967), profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar e membro fundador da Asociación Espazo Lectura. Nesta categoría presentáronse 24 orixinais.

Unha nova dimensión é un orixinal compendio poético baseado na liberdade creativa e nos xogos coa linguaxe. Nas súas páxinas desprégase un amplo abano de composicións (romances, abecegramas, xitanxáforas, ladaíñas, haikus, pictopoemas, cancións…), así como recursos de todo tipo: semánticos, fonéticos, rítmicos ou visuais, cunha meditada escolla de tamaños e cores de letra, e unha coidada disposición das palabras no espazo para gañar en expresividade.

A partir do concepto matemático de dimensión artéllase un delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. “Ler Unha nova dimensión é asistir a un festival de creatividade; é un estímulo para a imaxinación”, di o xurado.

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de novembro deste mesmo ano, coincidindo co acto de entrega dos galardóns.

Compartir el artículo

stats