O Consello da Cultura Galega anda xa inmerso nos preparativos do seu 40 aniversario. E por iso a súa presidenta Rosario Álvarez reuniuse este luns co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para abordar a colaboración do Goberno autonómico. Esas catro décadas cúmprense no ano 2023. E tamén chegan co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.

No encontro, Rueda destacou a importancia desta entidade. Apostou pola cooperación para afrontar “os importantes retos que o sector cultural ten por diante”. Entre eles, incidiu na “gran oportunidade” da chegada dos fondos europeo para a cultura galega.

Segundo recordou o presidente autonómico, a Xunta solicitou en diversas ocasións ao Goberno central a elaboración dun Perte cultural estatal. Deste xeito, parte dos fondos europeos destinaríanse a proxectos que impulsen un”sector clave” como este.

Para a captación desa financiación, a Xunta presentou unha candidatura con 19 proxectos vinculados ao patrimonio, museos, música e audiovisuais. Aspira a un orzamento global de cerca de 400 millóns de euros.

Nese encontro entre Rosario Álvarez e Alfonso Rueda tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. A cita serviu para abordar outros retos como a situación do mundo cultural coa crise derivada da pandemia. E concretáronse as colaboracións entre Consello e Xunta para a celebración desas efemérides ao longo dos vindeiros meses.

O Consello da Cultura Galega creouse o 8 de jullo de 1983 baixo o amparo do artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia, co obxectivo de defender e promover os valores culturais do pobo galego.

En canto ao Seminario de Estudos Galegos, naceu por iniciativa de intelectuais galeguistas en 1923 en Ortoño (Ames). Pretendía estudar e divulgar o patrimonio cultural galego, ademáis de formar a investigadores.

A súa traxectoria foi interrumpida pola Guerra Civil. En 1944 creouse o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. E xa en 1978 nacería o Novo Seminario de Estudos Galegos.