O filólogo e escritor Gonzalo Navaza ingresou onte na Real Academia Galega (RAG) como membro de número cun discurso dedicado á toponimia da súa terra de Deza. O novo membro do pleno da institución profundou na orixe e no significado dos nomes de lugar, unha especialidade na que se iniciou nos anos 80 do século pasado e na que hoxe é un reputado especialista. E fíxoo centrándose nos nomes de persoa nos topónimos de Lalín, o concello onde naceu hai 65 anos, tras rememorar o proceso que, nos albores do Estado das autonomías, facilitou a restauración da toponimia deturpada secularmente.

Nomes de persoa na toponimia de Lalín, dispoñible en academia.gal, debulla máis de sesenta nomes que son parte dun vasto patrimonio inmaterial da cultura galega cuxo valor vai alén do patrimonial. “A toponimia ten tamén para nós unha dimensión identitaria e emotiva. Nela prodúcese o encontro de dous ámbitos que moven a nosa paixón: a terra e mais a lingua”, salienta nestas páxinas Gonzalo Navaza.

O novo académico leu o seu discurso na sede da Academia tras entrar acompañado por Ana Romaní e Ana Boullón, as dúas académicas de máis recente nomeamento, nun salón de actos ateigado de público. A sesión organizouse co apoio do Concello da Coruña.

Antón Santamarina foi o encargado de darlle resposta en representación da institución na sesión extraordinaria pública celebrada na sede da rúa Tabernas da Coruña, que se pode ver nesta ligazón. O actual coordinador do Seminario de Onomástica da RAG foi quen hai xa máis de corenta anos lle propuxera facer o traballo de campo para corrixir a toponimia da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional da provincia de Ourense e das áreas limítrofes, unha encarga que o hoxe profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo asumiu no tempo libre que lle deixaba o seu traballo naquel momento como docente no ensino medio. “A experiencia foi para min un auténtico máster na aldea, daquela un desiderátum que Xesús Alonso Montero recomendaba para os profesores que inaugurabamos a presenza do galego como materia no ensino non universitario”, lembra Gonzalo Navaza.

Tras aqueles primeiros pasos, Gonzalo Navaza foi construíndo unha destacada traxectoria como especialista en toponimia, campo no que se doutorou en 1998 pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciara en 1979. Entre outros títulos, neste eido publicou Fitotoponimia galega (2006); Toponimia de Catoira,; ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).

As súas contribucións como filólogo tamén abranguen o campo literario, con achegas sobre Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e destaca ademais o seu notable traballo como tradutor de clásicos tanto do inglés (Jack London, Arthur Conan Doyle, Daniel Defoe, Robert Graves, entre outros) como do francés.