Cal é a túa Palabra do Ano 2022: de autoestima e candorca, a comadre, ecocidio, inflación e resiliencia

A RAG e a Fundación Barrié convidan a participar na votación telemática con estas finalistas ata o día 25

Campaña da RAG para votar a palabra do ano.    // RAG

Campaña da RAG para votar a palabra do ano. // RAG / p. hermida

p. hermida

No 2014 triunfou por razóns obvias a palabra corrupción. E no pasado ano, arrasou por motivos musicais tanxugueiras (como todo o mundo agora sabe un mamífero nocturno co que se bautizou o celebérrimo grupo galego que se levou o voto do público no Benidorm Fest). Pero que termo subirá neste 2022 ao podio da Palabra do Ano? A convocatoria da Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentou este martes as finalistas. Os interesados poderán votar en portaldaspalabras.gal entre as seguintes: autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación e resiliencia.

A votación permanecerá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro, unha vez rematada a fase de suxestións, e con esta batería de palabras “que dun xeito ou doutro conectan con temas de actualidade e preocupación social dos últimos doce meses” segundo apunta a RAG. Os últimos tempos reflíctense na “lingua como espello”. Explican a Real Academia e Fundación Barrié que “neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que medrase a conversa política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece.” Así apareceu con máis frecuencia a palabra “autoestima, como calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente ou como valor que pode reivindicarse como sociedade”.

Tamén reaparece “resiliencia”, xa finalista en 2021: “Capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, antes pola pandemia agora pola resistencia ucraína. A preocupación “polo futuro ambiental do planeta” amósase en ecocidio (“exterminio deliberado dun ecosistema”). Como voz popular, “comadre fala de sororidade” xa que alén do parentesco “evoca relacións de apoio entre mulleres”. O impacto económico chega coa palabra “inflación, como suba xeneralizada dos prezos”.

E por último, temos a “candorca, da especie dos delfínidos que amosa os cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos”.

Suscríbete para seguir leyendo