O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou a posta en marcha das tres primeiras medidas do Proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais e que xa ten rematadas as tres primeiras ferramentas. Trátase de utilidades que estarán dispoñibles en aberto nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto as poida usar de xeito gratuíto.

O titular de Cultura da Xunta referiuse, en concreto, ao tradutor de galego con tecnoloxía neuronal que xa está rematado e “supera a calquera outro que existira ata agora” e tamén avanzou que xa está lista a primeira tecnoloxía que entende o galego oral e o converte a texto e outra que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega.

Avanzou, ademais, que algunhas das primeiras aplicacións destas tecnoloxías do Proxecto Nós xa se poden ver no spot institucional da Xunta de Galicia das Letras galegas 2023, onde se amosa a primeira locución da historia en lingua galega creada con redes neuronais. “A incorporación do galego ás novas linguaxes dixitais é unha realidade cada vez máis presente e estas tres primeiras ferramentas permitirán seguir avanzando para que forme parte nos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo”, indicou Román Rodríguez.

Calquera persoa, empresa ou proxecto poderá usar as tres novas ferramentas de xeito gratuito

O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua e, como engadiu o conselleiro, “supón o salto decidido do galego ao mundo dixital e permitirá, do mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade”, indica Rodríguez sobre a iniciativa.

Este é un dos seus principais propósitos do Goberno galego nos últimos anos, que segue impulsando a inclusión da lingua galega nos ámbitos de aplicación da intelixencia artificial.

As diferentes ferramentas resultantes do proxecto, como poden ser sistemas de síntese de voz ou de tradución automática, poderán ser empregadas tanto por institucións públicas, organizacións e empresas como polo público xeral, potenciando desde modo o uso do galego no ámbito dixital e, polo tanto, nas novas interaccións sociais. Estas ferramentas, que presentou o conselleiro de Educación, serán de uso gratuíto.