O futuro Centro de Artes Dixitais do Gaiás estará listo no 2025

Estará no espazo soterrado en desuso da Cidade da Cultura que ía ser o aparcadoiro do Teatro da Música, con 4.400 metros cadrados

Ana Isabel Vázquez e Anxo M. Lorenzo, onte, na Cidade da Cultura, en Santiago.  | // JESÚS PRIETO

Ana Isabel Vázquez e Anxo M. Lorenzo, onte, na Cidade da Cultura, en Santiago. | // JESÚS PRIETO / Xabier Sanmartín

Xabier Sanmartín

O Teatro da Música da primeira idea da Cidade Cultura tivo unhas obras que arrancaron no 2005 e foron suspendidas no 2011, agora, doce anos despois, o espazo soterrado en desuso daquela infarestructura no entorno desa área do monte Gaiás, atopa novo latexo pois o que ía ser o aparcadoiro daquel anfiteatro, con 4.400 metros cadrados, vai ser o Centro de Artes Dixitais. O orzamento de licitación é de 4,5 millóns (distribuídos en varias anualidades), “importe que se rebaixará durante o proceso de competición pola adxudicación do contrato”, explican fontes gubernamentais.

A Xunta vén de licitar o contrato para un equipamento que quere ser “unha referencia para este tipo de tecnoloxías”, segundo o director xeral de Cultura do Goberno galego, Anxo M. Lorenzo. Na presentación feita onte pola maña en santiago, no edifición Fontán, onde tamén falou a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, quen asegurou que os traballos de adaptación deses sotos non afectarán ao normal funcionamento das institucións situadas no Gaiás nin das actividades que se realizan normalmente. E precisou que o futuro centro nese espazo soterrado tampouco alterará ou interferirá no valor arquitectónico singular do complexo.

Vázquez e Lorenzo coincidiron en salientar que o Centro de Artes Dixitais pode ser “un salto extraordinario na modernización do sector cultural galego” como “a ventá de oportunidades que as tecnoloxías dixitais están a ofrecer como motor de desenvolvemento cultural e económico”, si benqueda agardar como vai artellar a Xunta esta aposta con pontes cara o sector privado dentro de Galicia e no eido académico onde é de prever que teña un papel activo a Universidade de Santiago se non as tres universidades galegas.

Nese senso, a previsión amosada onte polos representantes da Xunta é que os traballos comecen este outono co fin de que poida estar en marcha a finais do 2025.

Experiencias inmersivas, realidade virtual e aumentada, un espazo de grande altura para facer probas e traballos de videomapping e con drones, área para facer formación e laboratorios de experimentación, son parte da xeografía deste Centro de Artes Dixitais que, logo de ter corpo, terá que ter contido, orzamento, “unha persoa para a súa gobenanza”, engadiu Lorenzo.

Nesa futura institución tecnolóxica que terá Santiago aproveitaranse as redes tecnolóxicas, de enerxía e seguridade existentes no Gaiás, así como as sinerxías e conexións con outros servizos localizados na Cidade da Cultura, como a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Polo GaiásTech ou o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), órgano dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

A intención é que o futuro centro conte con tecnoloxía de última xeración para vivir experiencias inmersivas e de realidade virtual e aumentada, así como zonas de videomapping para intervencións artísticas de gran formato, áreas de experimentación con laboratorios creativos e espazos para a formación da comunidade escolar e artística. pois terán empresas privadas colaboradoras e nexos con entidades académicas, “e un plan de becas e residencias”.

Vocación de converterse nun “referente en España”

O Centro de Artes Dixitais, que estará aberto a finais do 2025 se os traballos van na data prevista, “porase en marcha coa vocación de converterse nun espazo de exhibición de referencia en España para acoller proxectos artísticos ambiciosos desenvolvidos a partir das artes dixitais”. Tamén quere desenvolver unha actividade como banco de experimentación “onde as xeracións de creadores e creadoras galegas atopen recursos innovadores para levar a cabo a súa acción creativa”. Anxo M. Lorenzo destacou tamén a conexión deste proxecto coa estratexia de dixitalización da cultura que está a levar a cabo a Xunta, e encaixando nese plan, situou este vindeiro equipamento como unha peza clave para preservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial con formatos propios do século XXI.