O fotógrafo Román Pereiro ingresa na Academia Galega de Belas Artes

Crítico e coleccionista de arte, fundou o movemento ‘Atlántica’

Manuel Quintana Martelo e Román Pereiro, onte.  | // ALBA VILLAR

Manuel Quintana Martelo e Román Pereiro, onte. | // ALBA VILLAR / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O médico, fotógrafo, crítico e coleccionista de arte e escritor Román Pereiro Alonso ingresou onte na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), nun acto celebrado no salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), como Académico de Honra da institución trala lectura do seu discurso Encontros na felicidade. Ademais do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo e outros académicos da institución, asistiron ao evento o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o músico Alejo Amoedo, membro da sección de Música do Consello da Cultura Galega; e Javier Buján, da Fundación Laxeiro; entre outros.

Quintana Martelo deu unha agarimosa benvida a Román Pereiro á Academia, na que ingresa con “sobrados e merecidos méritos”. Aseguroulle que sempre terá unha cadeira na institución para ilustrar aos compañeiros académicos con todas as súas vivencias.

“Non se pode falar de Atlántica sen falar de Román Pereiro, que foi quen de activar e vertebrar o proxecto, e como mentor, impulsor e creativo intelectual estará sempre ligado a aquel colectivo que irrompe con forza na plástica galega en Baiona en 1980” —indicou—. Continuou sinalando o papel esencial de Mancho no percorrido artístico de Atlántica desde a mostra de Baiona en 1980 ata a do Pazo de Xelmírez en Santiago en 1983, así como a súa faceta de anfitrión xunto a Melena na súa atalaia en O Toutizal, en Baiona, onde todos os agostos celebraban as reunións Baiona Horizonte Atlántico.