Javier Gutiérrez, Kulunka Teatro e Diego Anido estarán no festival de teatro de Carballo

A 32ª edición da cita internacional terá lugar do 28 de setembro ao 31 de outubro

Imaxe promocional de ‘Forever’, de Kulunka Teatro.  | // FIOT

Imaxe promocional de ‘Forever’, de Kulunka Teatro. | // FIOT / Redacción

Redacción

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares desa localidade para celebrar a súa 32ª edición, do 28 de setembro ao 31 de outubro de 2023, da man de figuras e formacións de referencia da escena actual, como Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Kulunka Teatro e Diego Anido, entre outras.

A ilustradora carballesa Laura Tova firma o cartel deste #32FIOT, cunha ilustración que mostra unha aperta colectiva para avanzar a filosofía do encontro de artes escénicas de referencia de Galicia nesta nova edición: a loita contra a intransixencia a través de personaxes que representan a empatía, o agarimo, o afecto... e que se funden nun abrazo diverso no que a Cultura e Carballo son tamén protagonistas.

Avance do programa

O FIOT traerá a Galicia espectáculos como El traje, escrita e dirixida por Juan Cavestany, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo como protagonistas; Forever, estrea en Galicia da nova creación de Kulunka Teatro, unha das compañías máis celebradas do teatro contemporáneo español e internacional; e O deus do pop, que supón o regreso do performer galego Diego Anido ás táboas do FIOT.

O Dubra Café (novo espazo colaborador do FIOT) acolleu onte a presentación das datas, o cartel e este avance do 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo, que estiveron acompañados pola ilustradora carballesa Laura Tova, autora do cartel.