A reviravolta de Os Resentidos

A mítica banda regresa ao directo e xa pensa nun novo disco de colaboracións

Ensaio de Os Resentidos

Ensaio de Os Resentidos / Alba Villar

Mar Mato

O vindeiro ano cúmprense 40 anos dun dos discos chave na movida viguesa e española, un álbum que alumearía o inicio da carreira dun grupo mítico: Os Resentidos. O LP en cuestión era Surfin’ CCCP e era o segundo de Siniestro Total e o primeiro de Os Resentidos. Ademais de graváreno xuntos, o vínculo Siniestro-Resentidos seguíu cos anos como un bumerang tocadiscos que chega ao presente.

Tras máis dun ano sen tocar, replantexando a base, Os Resentidos volverán ao palco na noite do Samaín, o vindeiro día 31, no pub Sinatra en Vigo, no CascoVello. Explícano nun descanso do ensaio, nunha nave das aforas do Calvario, no local no que tocaba Siniestro. Non é o único que comparten. O baile de músicos desde os anos 80 ata agora foi continuo entre os dous grupos. Javier Soto —un dos membros fundadores xunto a Reixa de Os Resentidos— pasouse hai xa ben anos a Siniestro e agora retorna entre abrazos.

Soto e Reixa compoñen a nova formación de Os Resentidos xunto ao baixo Andrés Cunha e o multiinstrumentista —caixa de ritmos e secuenciador— Anxo Graña. Precisamente, Cunha tamén estivo na última etapa de Siniestro. “Para min, é un orgullo entrar aquí. Vou cargándome todos os grupos nos que entro”, comenta entre risos. Graña, pola súa parte, levaba dende principios de século indo e vindo. “Estou moi contento de estar na banda”, recalcaba.

O humor ácedo, sarcástico ou limpo sempre está presente. “Soto é un traidor”, comenta riseiro Reixa e Javier responde contento: “Eu creo que esta nova etapa vai quedar moi ben, volvemos ás orixes”.

Sentado nun taburete do estudio, Reixa explica que levan “todo este ano sen tocar, como unha especie de Ramadán, para pensar e reflexionar moito revisando parte do repertorio”. “Estamos rebuscando nas nosas orixes. Nós fomos ao contrario do que fan os grupos normalmente que empezan cos instrumentos acústicos, batería, baixo, etcétera e logo van incorporando programacións e secuenciadores. Nós cando comezamos no 1982 empezamos con programacións e secuenciador e queremos recuperar o son daquel momento”. “Este ano —engade— imos presentar o repertorio coñecido pero reprogramado. Se isto funciona posiblemente o ano que vén trataremos de facer novas cancións e buscar algunha colaboración”. Reixa defende o espírito do grupo. “O son de antes era perfecto, sen anomalía, e agora queremos recuperar o do inicio, como eramos no ano 1982. A ver se o logramos”, arela cos oídos atentos dos seus compañeiros.

Os Resentidos cumpren 41 anos e ven que “nestes últimos anos hai un certo recordo da nosa música”. “Temos como dúas camadas de seguidores: os que nos coñecen dende o principio co Galicia caníbal e os que eu chamo Xeración Xabarín. Pero pensamos que mudando o son igual incorporamos xente á que lle podemos gustar”, reflexiona Reixa.

Este músico e artista multimedia, pioneiro do rap en galego, recoñece que “a música actual cáusanos un desconcerto importante pero o certo é que fabricou un novo son, unha nova produción do son e iso é o que nos interesa” .

Non é a primeira vez que Os Resentidos reconecta cunha xeración máis nova. No 2012, con Warner, editaban o cedé dobre A tribo toda baila. 30 anos de música feliz cos Resentidos, unha antoloxía cos seus hits pero e un tributo a modo de revisión que artistas novos facían deles (El Puto Coke, Das Kapital, O Sonoro Maxín, Ruxe-Ruxe ou Transilvanians). Como colofón, un concertazo inolvidable con convidados en Ourense.

“É algo que está por riba de nós. Sexa mellor ou peor a nosa música, o certo é que no 1982 cando comezamos eramos o único grupo facendo rock en galego e agora hai unha chea de bandas. Non dou coñecido a todos e ofrecen unha música mellor tocada do que a nosa, máis orixinal. A min gustariame que se nos recorde sempre así, como a primeira banda de rock que usou o galego sen complexos”, reflexiona Reixa.

Respecto do futuro, adianta Reixa, quen se sinte “moi identificado coa nova música que se fai en Galicia e en galego”, buscarán “colaboracións para un novo disco”.

Suscríbete para seguir leyendo