A Xunta incrementa nun 33% ás axudas as asociacións que xestionan os comedores

B. C. [ a coruña]

A Xunta de Galicia reforza este curso as axudas ás asociacións de nais e pais que xestionan comedores escolares, ao que destina 1,6 millóns de euros. Xa está aberto o prazo de solicitudes desta convocatoria, cuxo orzamento se incrementa en 400.000 euros, un 33% fronte á do ano académico 2022-2023, e case o triplo do importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia, en concreto 553.000 euros para o curso 2019-2020.

O importe das axudas irá destinado a sufragar os gastos de xestión do servizo de comedor escolar que abranguen o custo diario do menú de mediodía por comensal, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo, os gastos de mantemento, persoal e limpeza, así como os de enxoval, materiais e utensilios para a prestación do servizo.

É o segundo ano consecutivo que o Goberno galego sube a achega por menú ás anpas, o que fai que en só dous cursos, a achega máxima por menú se viu incrementada nun 56%. Isto enmárcase nas accións da consellería de intensificar o apoio ás familias ante a alza de prezos pola inflación.

Consolídase así o incremento desta liña de axudas que o departamento educativo da Xunta iniciou na pandemia, cunha partida específica para contribuír a sufragar gastos relacionados coa COVID-19. Superada esta continxencia, o incremento comezou a destinarse aos menús o pasado curso, ás anpas a facer fronte á inflación.

Estas axudas súmanse ao incremento do orzamento para os comedores que xestionan a Xunta de Galicia e os concellos, que tamén cofinancia a Consellería de Educación. Enmárcase, ademais, nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias máis de 100 millóns de euros, 200 se ten en conta o transporte escolar.