A incrible historia do tenor de Malpica e a súa muller que actuaron diante do zar Nicolás II

Ignacio Varela foi pescador de neno e vendedor de sombreiros en Cuba antes de iniciar unha carreira internacional e de súpeto, deixouno todo para reconvertirse en empresario da pesca

O tenor e a súa muller Bibiana Pérez na Coruña, cos fillos Raúl, Ignacio, Carmen Arturo e Fernando. |   // CORTESÍA DE ILEANA VARELA PÉREZ E XOSÉ MANUEL VARELA.

O tenor e a súa muller Bibiana Pérez na Coruña, cos fillos Raúl, Ignacio, Carmen Arturo e Fernando. | // CORTESÍA DE ILEANA VARELA PÉREZ E XOSÉ MANUEL VARELA. / marta villar

Ignacio Varela Novo naceu na vila mariñeira de Malpica a mediados do século XIX e emigrou a Cuba de neno porque na casa eran dez irmáns e había necesidade. Na illa empezou a actuar como tenor ata facerse un nome internacional, con actuacións por todo o mundo, entre elas no teatro da Scala de Milán. Tanto el como a súa muller Bibiana Pérez, La Perecita, tamén moi famosa na época, actuaron na coroación do zar de Rusia Nicolás II. Unha das súas fillas, Carmen Varela Pérez, foi soprano e continuou cunha escola de canto que fundara a nai na Coruña. Unha profesora de canto no conservatorio de Carballo, Gloria Pardines, é descendente dunha das irmáns do tenor, demostrando deste xeito o xen musical da familia. Con 39 anos o tenor Varela deixou o mundo lírico e volveu a Malpica, onde montou negocios de pesca nos que foi pioneiro en España. Sen embargo, vinte anos despois morrería case na ruína.

O investigador Xosé Manuel Varela cos recortes sobre o tenor. |   // L.O.

O investigador Xosé Manuel Varela cos recortes sobre o tenor. | // L.O. / marta villar

O ano pasado foi o centenario do falecemento deste incrible personaxe e a súa extraordinaria vida, para a que ninguén tivo unha lembranza. Salvo unha modesta publicación, a revista da Asociación Cultural e Deportiva Mallas da Area de Malpica, que para o seu primeiro número en agosto de 2023 rescatou un artigo que publicara na prensa o investigador local Adrián Abella Chouciño.

“A xente da cultura sabiamos da existencia deste excelente cantante lírico. Ten descendentes de irmáns seus na vila. Pero para o gran público é unha figura descoñecida. Non hai ningún espazo malpicán que nos lembre a súa memoria. Foi o malpicán máis internacional da historia pero un manto negro cubriu a súa memoria. Foi un dos grandes tenores da época”, explica o director da revista As Mallas da Area, o profesor, investigador e escritor Xosé Manuel Varela. Este malpicán é o que está a recompilar toda a información sobre o tenor Varela para publicar un libro que recolla e homenaxee a este artista. Conta coa axuda de Rodolfo Varela Rotger, un dos bisnetos do tenor que vive na Coruña.

“Na nosa familia, meu pai era o da xastrería Ciriaco da rúa Real, foi pasando de xeración en xeración este libro que recolle toda a carreira do meu bisavó”, sinala Rodolfo mentres ensina un voluminoso volume encadernado con recortes de prensa, debuxos, invitacións a actos, carteis anunciadores de actuacións a finais do século XIX, cartas, ornamentadas entradas a actuacións líricas por todo o mundo. .. Páxinas e páxinas que son unha obra de arte en si.

Nestes recortes pódense ver, por exemplo, invitacións da época a un concerto en Italia para ver a “Ignazio Varela, artista fine e squisito”. Ou a publicación Galicia Moderna en A Habana, falando da súa “voz docísima, fresca, sonora e agradable por extremo”. Aparecen referencias á súa actuación nun teatro de Florencia nas que os xornais falan do seu “delicado gusto e fermosísimo timbre de voz” que logrou “fanatizar ao público”. Tamén aparecen artigos sobre a muller do tenor Varela, Bibiana Pérez, que tivo unha proxección maior ca do seu home. Era coñecida como a soprano do Teatro Real de Madrid. “Na familia sempre se contaba que cando ela actuou diante do zar de Rusia como pago doulle unha esmeralda. Pero non sabemos que foi dela”, conta Rodolfo.

Ignacio Varela Novo naceu o 28 de febreiro de 1859. Foi pescador coma o pai, pesco como din en Malpica. Emigrou a Cuba con doce anos, xunto cun irmán maior. Alí fixo todo tipo de traballos, ata estivo como voluntario no exército segundo unha crónica que sacou o xornal La Dinastía de Cádiz cando o tenor actuou na localidade en 1891.

“Dedicaba máis tempo ao canto ca a atender á clientela e o xefe acabou despedíndoo”, unha “sorte” para a lírica, sinala Xosé Manuel Varela, porque despois contratouno unha compañía de zarzuela. En Cuba unha muller da aristocracia apóiao, como mecenas. Alí chegou a cantar no famosísimo teatro de Tacón. Galo Salinas en La Tierra Gallega en A Habana, ano 1895, dicía que recibira “ovacións o simpático artista”. Hai varias recensións en xornais que o cualifican como simpático e humilde, cunha voz moi doce pero que tiña que traballar para dominar e ter maior amplitude vocal. Pero cheo de “sentimento”.

Esta benfeitora aconselloulle formarse máis. El viaxa a Madrid onde terá varios mestres do conservatorio e despois foi a Italia. Está dous anos en Milán con varios mestres líricos e despois regresa a España, onde segue a súa formación.

Debuta en 1889 en Bilbao e os xornais xa o dan polo “discípulo” do famoso barítono Napoleón Verger. Ao ano seguinte, na publicación Don Pepito de A Coruña, cóntase que a súa actuación no Teatro Principal (hoxe Rosalía de Castro) recibiu “salvas tras salvas de aplausos”.

No xornal El Eco de Galicia, o director e propietario Waldo Álvarez, escribe en 1890 que ata a propia infanta (despois raíña) dona Isabel tiña unha grande admiración por Varela e incluso o tivo “pensionado”. O tenor Varela casa con Bibiana Pérez e actúan xuntos por distintos lugares do mundo. Teñen que deixar aos fillos cos avós en Ávila para seguir coa súa carreira, segundo di o director de As Mallas da Area.

Pero de súpeto, todo cambia. Ignacio Varela déixao todo, a súa carreira musical internacional, e con 39 anos regresa a Malpica onde en 1904 monta varios negocios de pesca (unha fábrica con secadoiros de congro e outra para salgadura). De pesco a tenor e de aí a empresario pesqueiro, pechando o círculo.

“Pode que volvese por enfermidade. En varias crónicas fálase de que por momentos padecía da vista ou de graves enfermidades. Un familiar díxonos que tiña febres reumáticas. Cando actuou na coroación do zar de Rusia tivo que facelo sentado nunha cadeira” por culpa desas febres, sinala este investigador. “Cremos que o reagrupamento familiar sería tamén unha causa para ir abandonando os escenarios e apostar polo mundo da pesca”, engade.

E se Varela destacou no eido lírico, tamén o fará no pesqueiro. “Foi o primeiro armador que posuíu embarcacións tarrafas en Galicia que pescaban para as súas fábricas de salgadura. Pero o declive da industria conserveira levouno practicamente á ruína. De aí que decidise instalarse con toda a familia, na cidade da Coruña. Apostara as rendas familiares obtidas por escenarios de medio mundo no desenvolvemento pesqueiro da súa vila natal”, pero a sociedade mudou e a sorte non o acompañou, sinala o profesor Xosé Manuel Varela. Na Coruña viviu uns quince anos, segundo indica, no número 6 da praza de Ourense, un edificio con galerías. Nel tamén fundou Bibiana unha “importantísima e pioneira escola de canto da que saíron grandes voces da lírica galega da época”, afirma o profesor Varela.

O tenor falecerá en xullo de 1923 en A Coruña, con 64 anos. A súa dona Bibiana Pérez morrerá tamén na Coruña con 84 anos.

“Ignacio Varela e un dos grandes persoeiros históricos de Malpica de Bergantiños xunto co enxeñeiro militar Manuel Varela Limia e o benfeitor Anselmo Villar Amigo. De Ignacio Varela non hay nada en Malpica que lembre a súa memoria”, engade o director de Mallas da Area.

Suscríbete para seguir leyendo