Un programa para fomentar a orientación profesional sen estereotipos

B. C. [ a coruña]

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que os centros educativos participen na segunda edición do programa Que non te líen, ti elixes unha iniciativa conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Promoción do Emprego e Igualdade a través da cal se busca fomentar, desde as aulas, unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o fomento da coeducación.

A posta en marcha desta acción responde a unha das liñas de impacto recollidas na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, na que se fixan actuacións específicas para contribuír á desaparición da fenda de xénero no ámbito laboral a través da Formación Profesional. Así pois, Que non te líen, ti elixes inclúe o desenvolvemento de actuacións que favorezan unha conciencia libre de estereotipos de xénero e de prexuízos respecto na elección de ciclos formativos con menor presenza de mulleres, así como que estimulen o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.

O programa vai dirixido a estudantes de 3º e 4º de ESO de centros sostidos con fondos públicos, que dispoñen de prazo ata o día 6 de febreiro para adherirse ao mesmo.

Os centros participantes terán acceso a charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores tradicionalmente caracterizados pola escasa representatividade feminina, como pode ser a construción, a madeira, o sector TIC, o metal ou marítimo, entre outros.

Hai máis información sobre este programa educativo no portal web da Xunta, onde se poden consultar todas as bases da convocatoria.