As firmas culturais galegas con accións no mercado internacional redúcense

As empresas con proxectos ou produtos con repercusión alén das fronteiras foron o 23% fronte ao 25,5% do ano anterior, segundo o Barómetro do Consello da Cultura Galega

María Vázquez, en ‘Matria’, filme galego vendido para o mercado francés tralo paso pola Berlinale. |   // AVALON

María Vázquez, en ‘Matria’, filme galego vendido para o mercado francés tralo paso pola Berlinale. | // AVALON / mar mato

Mar Mato

Desenvolver accións culturais no exterior é unha das vías para chegar a máis público e, polo tanto, lograr un maior ingreso económico. O Consello da Cultura daba a coñecer onte no seu Barómetro da Cultura Galega que a porcentaxe da compañías do país que emprenderon proxectos que chegaron a audiencia alén das nosas fronteiras reduciuse no 2023 respecto ao ano anterior. No 2022, o 25,5% das empresas participantes no estudio tiveran presenza no mercado internacional. No pasado exercicio, o índice baixou ao 23,3%.

Dende o Consello da Cultura Galega, apuntan como posible causa que rematara o duplo ano Xacobeo no que o orzamento para as distintas vías culturais tivo un incremento notable. Por sectores, é o audiovisual no que as empresas máis estenden os tentáculos no estranxeiro. Foron o 40% das compañías audiovisuais. Ano tras ano, as produtoras e creadoras galegas están logrando mover as súas obras (tanto longametraxes como curtas) en distintos países.

O modus operandi é simple e complicado á vez: primeiro, envían a candidatura para ser acollida a obra en festivais. Se é aceptada, proxéctase alí o que supón entrar en contacto con distribuidoras que poidan estar interesadas en ‘mover’ o filme fóra de España. No caso de chegar a un acordo, a película proxéctase en cinemas foráneos, inda que tamén poden ser adquiridos os dereitos por canles de televisión estranxeiras ou chegar a plataformas audiovisuais con presenza en diferentes países.

No teatro, danza e espectáculos, o 35,7% tamén realizou accións en solo foráneo. Na música, foi o 30%; na edición de libros e publicacións periódicas quedou nun 31% —outro modo de internacionalizarse é acudindo ás feiras internacionais do libro para que os dereitos das obras sexan adquiridos para a publicación do título noutros idiomas e mercados— e na actividade museística superou o 34%.

Na presentación do estudio, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, máis o responsable do Observatorio, Hakan Casares Berg, foron facilitando diversos indicativos para concluír que “a cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento”.

E aí as administracións xogan un papel determinante que se vincula a un eterno debate ao redor das axudas públicas. Un ano máis as administracións locais, galega e estatal suspenden. As empresas culturais non lles dan o aprobado ao puntualas na achega de subvencións para os seus proxectos. As notas son tan baixas que mesmo poderían ser calificadas de vergoñentas. Nunha escala do un ao dez, os concellos e deputacións pasan dunha nota do 4,41 no 2022 ao 4,51 no 2023.

A Xunta, pola súa parte, tamén suspende, cun 4,5 no ano pasado fronte ao 4,67 do anterior; ao igual que o Goberno español. Porén,este é o que colleita a peor nota: 3,78, aínda que supón unha lixeira mellora respecto ao exercicio anterior de 2022.

Salientable é tamén recalcar que o 43,7% das entidades culturais galegas obtivo algún tipo de subvención mentres que un 8% que presentou unha solicitude de axuda atopouse que a súa proposta foi denegada.

O estudio presenta tamén outras conclusións:

1. Necesidade de máis axudas.

O Barómetro sinala que, en xeral, as empresas culturais demandan un incremento do gasto e das axudas. “As entidades das artes escénicas, as bibliotecas, arquivos e actividades relacionadas coa educación cultural son as que máis avogan por incrementar o gasto público. Tamén son máis proclives á aplicación destas medidas as entidades sen ánimo de lucro e as administracións públicas que as empresas e os profesionais autónomos”, sinala o Barómetro.

2. Dificultade para atopar profesionais.

Case seis de cada dez compañías culturais galegas (o 56,5%) ven difícil ou moi difícil encontrar profesionais. “Esta situación —recolle o informe do Consello da Cultura Galega— varía en función da actividade, tipo de entidade, facturación e tamaño. (...) Destacan pola dificultade as artes gráficas e, en menor medida, a música. Aínda que unha parte importante dos directivos considera que a oferta formativa en Galicia é axeitada, existe unha crecente peocupación sobre se esta é suficientemente extensa e apta para satisfacer as demandas”.

3. O reto da dixitalización.

O Consello da Cultura Galega apunta que se aprecia “un descenso destacable nos esforzos dedicados á produción, venda e distribución de contidos dixitais”. Neste punto, apuntan como posibilidade que “estea condicionado polo feito de que se puxo especial énfase e se crearon importantes expectativas neste tipo de produtos durante os anos de influencia da pandemia”.

Suscríbete para seguir leyendo