A RAG ‘destapa’ o álbum fotográfico da poeta Pura Vázquez na véspera do seu aniversario

Foi autora dunha vizosa obra bilingüe, en galego e castelán, con máis de 40 títulos

Regreso das Illas Cíes, con integrantes das Jornadas Internacionales de Literatura (1953).  | // ARQUIVO RAG

Regreso das Illas Cíes, con integrantes das Jornadas Internacionales de Literatura (1953). | // ARQUIVO RAG / REDACCIÓN

Nada o 31 de marzo de 1918 no seo dunha familia republicana que padeceu a represión do franquismo, a mestra, poeta e narradora ourensá Pura Vázquez foi autora dunha vizosa obra bilingüe, en galego e castelán, que se estende ao longo de máis de corenta títulos e seis décadas de escritura.

O Arquivo da Real Academia Galega (RAG) atesoura nos seus fondos unha serie de fotografías de Pura Vázquez que reflicten as vicisitudes dunha vida marcada pola experiencia da emigración e o compromiso coa literatura.

Co gallo do aniversario da autora, membro correspondente da institución, a Real Academia Galega (RAG) publica na súa páxina de internet unha escolma de imaxes desta colección, que pode consultarse integramente a través de Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.

En total, a colección consta de 67 fotografías procedentes dunha doazón realizada por Luís Alonso Girgado no ano 2006. A mostra constitúe unha sorte de fotobiografía dunha autora de vida itinerante, entre Galicia, Venezuela e Madrid, que foi quen de manter unha longa e intensa actividade creativa en condicións adversas, e de se relacionar estreitamente cos principais círculos intelectuais galeguistas e casteláns do seu tempo.