Del Caño desvela en dous libros teimas e anécdotas dos grandes das letras galegas

‘Ósos de santo’ e ‘Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias’ son froito, confesa, da súa “fascinación” polos autores galegos

S. De la Fuente

Manuel Rivas non escribe sen un vaso de auga ao lado e unha “saba de papel” debaixo do teclado no que anota e debuxa a medida que avanza a obra compoñendo os seus particulares “mapas literarios”. Fina Casalderrey enche unha habitación de libros abertos e marcados por todas partes que non recolle ata rematar o novo libro. Rexina Vega merca unha bola de neve cada vez que comeza unha obra e Antón Reixa muda as zapatillas de casa por zapatos cando escribe poemas. Pola contra, Francisco Castro e Inma López Silva escriben descalzos. “Conforman unha parella que o comparte todo, ata a maneira de escribir, cos pés no chan, sen zapatillas nin calcetíns”. Teimas e costumes que son parte da técnica e dos rituais dos escritores cando se sitúan ante o folio en branco.

Así o recolle Xosé Manuel Del Caño, escritor e xornalista que desenvolveu a súa traxectoria en Faro de Vigo, no seu novo libro Ósos de santo, que onte presentou na Biblioteca Nós de Ourense, xunto con Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias, que publicou en 2022. No primeiro fai un relato sobre a maneira de escribir e as teimas persoais de 30 autores galegos, e no segundo recolle os extractos que quedaron no tinteiro e as anécdotas que viviu como xornalista con grandes escritores, artistas e políticos galegos.

A presentación tivo lugar na Biblioteca Nós de Ourense, coa intervención, ademáis da responsable do centro, Rosa Díaz, do director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García, e da xornalista Mónica V. Lopo.

No acto, De Caño desvelou algunha das teimas que recolle no seu libro e anunciou que Manuel Rivas exporá os “mapas literarios” da súa obra. Así vaise achegandoo escritor e xornalisa a trinta autores que falan da súa maneira de escribir e das súas costumes ou manías cando se sentan diante do ordenador. En “Un tiro para Ferrín e outras historias” xa recollía anécdotas de moitos escritores. O certo, sinala Xosé Manuel Del Caño, “é que estes libros mostran, sobre todo, a miña fascinación por grandes escritores da literatura galega”.

Ligado ao libro Ósos de santo está o suceso do crime do cura de Vilanoda dos Infantes, Adolfo Enríquez, e o roubo da Virxe do Cristal que custodiaba o sacerdote. O propio Del Caño e o colectivo Amigos do libro galego reuniron a obra de máis de 30 artistas que elaboraron pezas homenaxe. Parte delas poden visitarse na Biblioteca Nós ata o 27 de abril.