Malo será!, o programa itinerante que achega a televisión aos teatros de todo o país, leva hoxe o seu espectáculo ata o auditorio do Centro Ágora da Coruña. Acompañados por unha banda de música en directo, Malo será! ofrece dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega como protagonistas, aos que se uniu como convidada especial para este programa a actriz Ledicia Sola.

Nos distintos sketchs desta noite, os espectadores acompañarán unha parella a terapia, asistirase a unha reunión de futboleiros anónimos e mesmo se vivirá a retransmisión ducha cita con conexións directas cos comentaristas, entre outras cousas. Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Paula Pier, Carmen Méndez, Marita Martínez e Estela Pérez son as actrices e actores que interveñen no programa de hoxe desde A Coruña. Un elenco liderado por Marta Doviro, a presentadora deste formato de éxito, que o pasado verán obtivo sensacionais datos de audiencia.