30 de enero de 2019
30.01.2019

O especial 'We love Touriñán' pon a proba os seus personaxes máis queridos e divertidos

Os espectadores da TVG poderán escoller esta noite os personaxes que máis lles gustaron do paso do humorista de Culleredo pola canle autonómica

30.01.2019 | 01:12
Xosé Antonio Touriñán, durante unha das súas actuacións na TVG.

Nos últimos anos televisivos de Xosé Antonio Touriñán na Televisión de Galicia (TVG) foron moitos os personaxes que o versátil artista desenvolveu co éxito e o apoio dos espectadores. Pero das mil e unha caras do mesmo cómico, cal é a que máis lle gustou á audiencia? Con quen sairía para tomar unhas cervexas? Elixirían algún dos seus papeis ou o propio Touriñán?

O especial We Love Touriñán intentará dar resposta a estas cuestións sacando á palestra mesmo un dos individuos que podería pagar todas as consumicións, como é o caso de João Simões. Tamén pode ser que os espectadores escollesen a Manolo, o xubilado, todo un personaxe que pode contar un milleiro de anécdotas. Pensándoo ben, ao mellor alguén preferiría achegarse ata a barra dun salón do oeste para gozar dun refrixerio xunto ao sheriff Bill ou coñecer algo do máis alá ao carón de Camariñas, o morto do tanatorio. E que din da compaña ao marxe da lei dun dos Gorrillas ou de Pablo Escobar? Quizais a artística Raffaella Carrá sexa a máis axeitada para unha velada do máis divertida e Esperanza Gracia para coñecer que lle deparará a vida á volta da esquina e, para rematar a saída, andar con moito coidado de festa con Ricardo, o home máis atropelado do mundo. O que está claro é que en We Love Touriñán non faltará o humor e os espectadores poderán escoller esta noite os personaxes que máis os divertiron ao seu paso pola Televisión de Galicia (TVG).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook