11 de mayo de 2020
11.05.2020
La Opinión de A Coruña

Unha nova temporada do programa 'Cos pés na terra' chega hoxe á grella da TVG

O espazo achega as historias de cidadáns que apostan por construír a súa vida no campo

11.05.2020 | 01:14
Fotograma do espazo da TVG 'Cos pés na terra'.

A Televisión de Galicia (TVG) estrenará hoxe unha nova temporada do programa Cos pés na terra, que lles achega aos espectadores as pequenas e grandes historias de homes e mulleres que apostan por construír a súa vida no campo e lles amosa como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza.

Tres protagonistas, tres historias, tres vidas distintas, entrelázanse en cada programa, en función do contraste que presenten. Nesta ocasión, o espazo da canle autonómica galega deterase a cheirar as flores de Vero, unha rapaza que o deixou toda a súa vida anterior para cultivar especies pouco vistas nas nosas terras e coas que ten pensado conquistar o mundo enteiro.

Cos pés na terra tamén visitará hoxe a Luís, un artesán das cadeiras con quen o equipo do programa vai coñecer en detalle todo e canto hai que facer para poder estar cómodos nas casas. Por último, os espectadores coñecerán a César e a Pablo, dous criadores de porco celta que teñen clarísimo onde se atopa a felicidade.

Por outro lado, tamén na Televisión de Galicia, A Revista seguirá informando hoxe sobre a actualidade relativa á pandemia de coronavirus. O magacín da canle autonómica terá como convidados por videochamada a Juan Carlos Moreiras, membro do Colexio de axentes da propiedade inmobiliaria, e a Manolo López, responsable dun ximnasio, para falar sobre as consecuencias da pandemia no mercado da vivenda e da adaptación dos seus respectivos sectores á nova situación.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook