24 de mayo de 2020
24.05.2020
La Opinión de A Coruña

A TVG recolle as testemuñas dos protagonistas do primeiro título de Liga do Deportivo

A segunda canle da autonómica ofrece un especial polos 20 anos da xesta deportivista

24.05.2020 | 00:37
Donato, nun fotograma da reportaxe que emite esta tarde a segunda canle da TVG.

Baixo o título Cando fomos os mellores, a segunda canle da Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta tarde unha reportaxe coas voces dos integrantes do histórico equipo que logrou hai xusto vinte anos o primeiro título de Liga para o Deportivo da Coruña.

A través do testemuño do presidente da entidade naquel momento, Augusto César Lendoiro, do adestrador Javier Irureta e dos principais xogadores que contribuíron a ese éxito, como Mauro Silva, Fran, Donato, Manuel Pablo e Turu Flores, o xornalista Alfonso Hermida reconstrúe as datas máxicas do 19 e 20 de maio de 2000, instaladas para sempre no olimpo deportivista e na retina dos afeccionados. A reportaxe inclúe tamén as mellores imaxes dunha retransmisión da TVG que se estendeu máis de nove horas durante a xornada en que o equipo coruñés derrotou o Espanyol en Riazor, que continuou co seguimento do festexo e que tivo o seu punto final na praza de María Pita.

'Pídechas o corpo'

Por outra banda, a canle autonómica traslada desede hoxe a emisión do programa Pídechas o corpo ao domingo. A Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces ía celebrar o último domingo de maio a edición número 27, pero, como tantas outras, tivo que suspenderse. O espazo da TVG vai revivir hoxe a tradición dunha festa gastronómica que xira arredor do sabor intenso dun produto moi tradicional que require tempo e paciencia, tanto na cría do animal como á hora de preparalo. Edición tras edición, a festa foi medrando ata consolidarse como unha das grandes citas do calendario gastronómico galego. Os espectadores verán como se crían os protagonistas desta exaltación.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook