Caldo crece sen perder a identidade no novo disco

María Jorge (violín), Anaïs Barbier e Pedro Fariñas forman Caldo.

María Jorge (violín), Anaïs Barbier e Pedro Fariñas forman Caldo. / MAR MATO

MAR MATO

A banda galega Caldo vén de dar unha reviravolta ao seu son co seu segundo e novo disco, Lugar A Ponte, un título que fai referencia á súa acta fundacional. “Decidímoslle poñer ese nome —explica a violinista María Jorge— porque é así como se chama o barrio en Mañufe, en Gondomar, onde vivían Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita). Todos os primeiros temas de Caldo foron arranxados nesa casa que era onde ensaiamos”. Estes bos recordos son agora iso lembranzas. “Pasou algo simbólico con esa vivenda. Afundiuse tras anegarse varias veces. Tivo que ser abandonada.

Queriamos facerlle unha homenaxe ao que foi o fogar de Caldo durante todo este tempo”, engade María Jorge. Non é o único vínculo ao que fai referencia un disco, gravado en estudio (a excepción de tres temas) a diferenza do primeiro que se rexistrou en directo. “Coas letras queremos transmitir diferentes estados de vencellos que se romperon ou que non foron como esperabamos, narrando as experiencias”, sinala a violinista.