‘Xente Marabillosa’ romperá este mércores na TVG co tabú e o estigma do suicidio

Con 340 casos ao ano, Galicia encabeza a taxa de suicidios rexistrados no ámbito estatal

REDACCIÓN

Galicia rexistrou o pasado ano un total de 340 falecementos por suicidio, unha cifra por encima da media da última década e coa que a rexión suma dous anos seguidos á alza, unha realidade que Xente Marabillosa abordará este mércores na Televisión de Galicia para concienciar e tratar de reducir as taxas de suicidio entre os galegos.

Precisamente, o programa recibía hai escasos días o premio da Academia da Televisión ao mellor programa de entretemento ao enfrontarse, desde o respecto e a empatía, a temáticas comprometidas e de valor social no horario de máxima audiencia dunha televisión pública.

Para o equipo de Xente Marabillosa non hai cuestións que deban calar nin retos que non se poidan afrontar. Así, o programa presentado por Lucía Rodríguez leva esta semana aos fogares galegos outro tema pouco tratado en televisión, que ata hai pouco era considerado tabú, e faino en consonancia coas recomendacións dos expertos que consideran que o papel que desempeñan os medios de comunicación é clave para concienciar e iniciar a prevención do suicidio, xa que está demostrado que o tratamento responsable da información sobre o suicidio contribúe a previr casos e, por tanto, a salvar vidas.

Non en balde, os datos sinalan que no mundo se suicida unha persoa cada 40 segundos e, en España, a conduta suicida é a primeira causa de morte non natural. Galicia, ademais, está no máis alto da clasificación de suicidios a nivel estatal. En mozos de 12 a 29 anos, o suicidio é directamente a primeira causa de morte.

No informe anual que realiza o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) recóllense as taxas de suicidio e a súa evolución, ademais de analizar as diferenzas nas cifras de suicidio segundo o sexo e idade. A memoria do ano pasado reflicte que a incidencia dos suicidios en Galicia é maior nos homes que nas mulleres, con sete de cada dez casos, e dáse con maior profusión no rango de idade que vai dos 41 aos 60 anos, con catro de cada dez casos.

As cifras son altas en todas as provincias galegas, ata o punto de ser considerado como un serio problema de saúde pública que require atención directa. Aínda que no ano 2020, durante o confinamento, reduciuse o número de suicidios un 3,45% respecto ao ano anterior, en 2021 aumentou un 7,8% a taxa de suicidios nesta rexión do mesmo xeito que en 2022, que volveu aumentar.

Concienciación

Considerando a delicadeza do tema e a necesidade de presentalo con sensibilidade e coñecemento, Lucía Rodríguez contará este mércores pola noite coa axuda da cantante Tamara.

Tamara actuará como madriña e testemuña do espazo, rememorando unha etapa difícil da súa vida na que unha forte depresión levoulle a dous intentos de suicidio. Un relato valente e honesto que ademais servirá como introdución a dúas das cámaras ocultas máis impresionantes da historia do programa.

Mediante a recreación do comportamento dunha nena, así como da falta de comprensión e empatía por parte da súa nai, as cámaras ocultas de Xente Marabillosa mostrarán algúns dos sinais máis comúns que denotan a existencia dun problema grave que pode levar a tomar unha decisión que en moitos casos non ten volta atrás.