‘Xente Marabillosa’ aborda este mércores na TVG a problemática dos fillos tiranos

O actor Sergio Pazos será o padriño do programa, dedicado ao comportamento agresivo, verbal ou físico, e ás condutas desafiantes ou provocadoras de ira dos fillos ante os pais

REDACCIÓN

O mércores 17 de xaneiro, a partir das 22.40 horas, o espazo máis comprometido, social e viral da TVG volve á pantalla para falar dos conflitos nos menores, unha problemática que acaba convertendo aos fillos nos maltratadores de seus pais. Non se trata só de agresións físicas. As humillacións, as ameazas, os roubos ou a destrución intencionada de pertenzas familiares tamén son formas de violencia que resulta fundamental identificar e tratar por parte de profesionais.

O incremento máis que notable dos expedientes abertos a menores nos últimos anos confirma que non podemos ignorar esta realidade. Sobre todo porque, aínda que as cifras asustan, hai que ter en conta que só se denuncian o 10% dos casos.

Por iso, e co obxectivo de visibilizar este tipo de situacións, Xente Marabillosa emitirá dúas cámaras ocultas. Nelas unha moza está con súa nai nunha tenda de deportes comprando unhas zapatillas que necesita para o instituto. A nai quere mercarlle unhas sen marca, pero a rapaza está empeñada en que lle compre as máis caras, da súa marca favorita. A filla botaralle en cara que non traballa o suficiente e que a súa obriga é darlle todo o que ela necesite. Pouco a pouco a rapaza irá perdendo as formas, humillando e ridiculizando coas súas palabras a nai, ata que finalmente esta acabe cedendo ao seu capricho. Dúas persoas marabillosas intervirán e saltarán na defensa da nai, desaprobando as formas que a filla ten de dirixirse á nai e convidando á filla a que se poña a traballar.

No estudio, Lucía Rodríguez contará coa presenza do actor ourensán Sergio Pazos, recentemente galardoado co Premio Lorca ao mellor actor de reparto pola película La fuga, que actuará como padriño do programa.

Esta entrega de Xente Marabillosa emitirá a testemuña dunha nai que padece a tiranía do seu fillo dende que este ten tres anos.

A nota musical poraa a coruñesa Hydn, con dous temas en galleglish, un concepto que pretende instaurar e que consiste na mestura de letras en galego e en inglés.