Mercedes Castro | Actriz protagonista de ‘Ghuasapp’ (TVG)

“En ‘Ghuasapp’ represento esa parte de matriarcado que ten Galicia”

O seu personaxe na nova ficción da TVG inspírase nesas “mulleres fortes, que tiran para diante e defenden a súa familia para que todo vaia por bo camiño”

A actriz Mercedes Castro.   | // CEDIDA

A actriz Mercedes Castro. | // CEDIDA / Rodrigo Paz

Rodrigo Paz

Persistente, así se define Mercedes Castro [As Pontes, 1961], unha actriz que, tras aparecer en series como Pazo de familia, Padre Casares, Águila Roja ou Hospital Central, regresa á pequena pantalla como protagonista de Ghuasapp, comedia que a Televisión de Galicia (TVG) estreou onte.

Que nos podemos atopar ao ver Ghuasapp?

Unha comedia dunha unidade familiar que pode aportar cousas divertidas e pasar un bo rato.

Vostede métese no papel de Carme, unha avoa e nai de aldea xa xubilada e moi orgullosa de criar tres fillos que xa levan a súa propia vida. Aínda que o fai con humor, representa a unha gran parte das mulleres galegas.

Si, Carme representa á matriarca galega. Esa parte de matriarcado que ten Galicia, que representa esa parte de mulleres fortes que tiran para diante e defenden a súa familia para que todo vaia por bo camiño.

Que tivo de especial este papel con respecto a outros que xa fixera? Que lle levou a aceptalo?

A verdade que foi todo moi rápido. Como se soe dicir, ‘aquí te pillo, aquí te mato’ (ri). En dúas semanas xa estábamos en faena. Con diferencia a outros proxectos, foi un traballo no que non estivemos en exteriores, tan so no set e o equipo era máis pequeno, pero tamén máis próximo. Era como unha pequena familia e a serie non deixa de falar dunha familia (ri).

Un papel, o de Carme, que comparte con outras intérpretes coma María Mera ou Marta Costa e actores como Evaristo Calvo e Fernando Tato. Que tal foron as gravacións?

Intensas, sen lugar a dúbidas. Era moito traballo en pouco tempo pero, con todo iso, paseino moi ben e foi unha maravilla traballar cos demais compañeiros. Todos remabamos sempre na mesma dirección, todo o equipo que participou no proxecto.

Ghuasapp xira en torno á creación dun grupo familiar de WhatsApp por parte de Carme, a personaxe que interpreta. Non é doado lidiar con este tipo de grupos… A veces é mesmo ata agobiante, así o reflicten os seus tres fillos na serie.

Carme, a pesar de estar xubilada, é activa. Sae da casa a facer pilates, yoga, natación… Carme non se queda na casa, móvese. E como os fillos tampouco viñan moito a casa crea un grupo de WhatsApp para así estar todos xuntos. Entón, empeza a indagar niso do WhatsApp. Ás veces non lle sae pero outras veces si. Ela persiste, coma min en moitas cousas.

Sinte que estes grupos de WhatsApp axudan a manter unida á familia ou, como neste caso, a xerar conflictos?

Por un lado, sénteste próximo porque ti en calquera momento podes preguntar á familia como se atopa, pero tamén podes crear conflitos ao decir nun momento dado certas cousas. Nese momento non tes filtro. Queda gravado e, unha vez o envías, aí queda. Iso ten pasado na vida real. Moitas veces existen malos entendidos ao escribir, xa que un pode escribir con ironía e a outra persoa ao mellor non o capta. Eu prefiro conterme un pouco en escribir por WhatsApp e a veces prefiro gravar a miña voz.

A serie mostra a dificultade das persoas maiores de adaptarse as novas tecnologías. Neste caso, sobre todo Lolo (Evaristo Calvo), o avó da familia, que nin se molesta en aprender usar o WhatsApp.

É algo que non lle motiva. Despois acábase metendo porque hai momentos en que o necesita e recorre a el, pero non polo interese en usar WhatsApp, senón pola necesidade.

Chámame moito a situación tanto laboral como familiar dos seus tres fillos na serie: Sindo (Xoel Fernández), un perruqueiro divorciado cunha filla adolescente; Benito (Fernando Tato), cantante frustrado e taxista de profesión; e Rosa (María Mera), unha psicóloga, agora influencer que vive en Londres. Parécese moito á realidade dos mozos de hoxe en día.

Parécese bastante. Teñen que buscarse a vida un pouco no que poidan. Sindo é perruqueiro porque lle atrae esa parte sen saber ás veces moito. Benito, a pesar de cantar bastante mal (ri), fai os seus pinitos e, despois, Rosa defendense no estranxeiro como influencer. É algo que todavía non me cabe moito na cabeza pero ela sae adiante.

Non lle termina de caber na cabeza pero a realidade é que moitos rapaces de agora queren ser no futuro influencers.

Si, e hai xente que é moi válida e gaña cartos. A filla dunha amiga adícase a iso e gaña cartos e viaxa. Igual que hai xente moza que quere ser artista, tamén hai quen quere adicarse a ser influencer, digamos que é exótico.

Falando de futuro, que proxectos ten Mercedes Castro coa vista posta?

Irei de xira teatral coas Cigarreiras para acercar a versión de Cándido Pazó sobre a obra de Emilia Pardo Bazán La tribuna, que xa levamos dous anos de xira por España e Galicia, aínda que me tomo a vida con calma.

Suscríbete para seguir leyendo