‘Traes unha cantiga?’ explora a música de taberna que se fai á beira do Lérez

O programa do próximo mércores (TVG, 22.00 horas) gravouse en Pontevedra, cidade de gran tradición e unha referencia para os cantos deste tipo de locais de toda Galicia

Actuación de Os Chispas do Lérez no programa deste mércores nunha ateigada taberna Nasantiña da cidade de Pontevedra. |  // CRTVG

Actuación de Os Chispas do Lérez no programa deste mércores nunha ateigada taberna Nasantiña da cidade de Pontevedra. | // CRTVG / REDACCIÓN

O sexto programa de Traes unha cantiga? achégase a cidade de Pontevedra, unha das referencias para os cantos de taberna de toda Galicia, por ser o lugar con maior tradición en certames desta popular manifestación musical. Veñen ao espazo grupos coma Os Chispas do Lérez, Polavila e Os Chichisos, tendo en común os tres o seu interese na musica máis tradicional do país. A taberna escollida para a gravación é Nasantiña, situada moi preto do río Lérez e do campo de fútbol de Pasarón, onde xoga o Pontevedra CF.

Polavila é un grupo con dez anos de existencia, moi implicado en divulgar a cultura tradicional de Galicia. Poñendo en marcha iniciativas con carácter interxeracional, e coa creación do Coro Seitura, co que teñen gravado un disco. O conxunto propiamente dos cantos de taberna creárono fai catro anos, nos que levan participando en moitos certames. A formación a compoñen 14 persoas e utilizan como instrumentos dúas gaitas, tambor, bombo, pandeireta, acordeón e saxo alto. O nome do grupo procede da antiga costume galega de visitar as casas dos veciños despois da cea, para sentar a carón da lareira para falar das novidades, botar uns contos e cantar. A cantiga elixida por Polavila é Muiñeira de Oliveira, peza popular recollida en Santiago de Oliveira no Concello de Ponteareas, e que a día de hoxe está incluída no repertorio de varios grupos, como Treixadura.

O Chispas do Lérez, pola súa banda, nace no barrio deste mesmo último nome en Pontevedra, moi relacionado coa asociación de veciños. Inicialmente tratouse dun grupo exclusivamente de voces masculinas, pero hoxe xa hai voces mixtas de homes e mulleres. Despois dun período de inactividade por mor da pandeima, no que pensaron que o grupo acabaría por desaparecer, retomaron a actividade da man dun novo director: Xosé Iglesias Buxan, membro do grupo de referencia da música galega Fuxan Os Ventos. Actualmente ten 12 voces acompañadas de acordeón, guitarra e percusión tradicional. A cantiga elixida para participar no programa é O roubador, un tema moi interpretado no canto de taberna e que popularizou o grupo Cantata Vernácula.

Por último, Os Chichisos pertence a unha asociación musical do mesmo nome, con trinta anos de traxectoria. Como grupo naceu como formación tradicional, pero no último ano decidiron entrar tamén na música de taberna, para poder participar en certames desa disciplina. Son un grupo moi relevante en Pontevedra cidade, onde tamén participan na celebración anual dos Cantos de Reis, e realizan actividades para os nenos nas escolas, para difundir a música popular. O burro da tía Lola é a canción que escolleron, un pasodobre do repertorio do grupo histórico da tradición musical galega Os Dezas de Monexas. Os Chichisos está formado por 12 membros: cinco voces, pandeireta, gaita, canaveira, triángulo, botella, tamboril, bombo e acordeón.

O programa, escrito e dirixido por X.H. Rivadulla Corcón, está presentado por Noelia Rey e conta cun xurado permanente formado por Sheila Patricia e Alfredo Dourado (A Roda). Xisco Feijoo é o padriño deste sexto capítulo de Traes unha cantiga?