Afundación expón os retratos de artistas plásticos galegos do fotógrafo Xulio Gil

A mostra, que permanecerá ata o 25 de maio, contén 84 imaxes de creadores feitas dende 1978

Vista da exposición de Xulio Gil en Afundación.  |  // LOC

Vista da exposición de Xulio Gil en Afundación. | // LOC / REDACCIÓN

A sede coruñesa de Afundación acolle dende este mércores a exposición Xulio Gil. Retratos dun tempo da plástica galega, na que se recollen 84 imaxes tomadas por este fotógrafo a outros tantos artistas galegos dende o ano 1978. Gil comezou daquela ese labor e foi dez anos despois cando utilizou esas fotos para expoñelas nunha mostra no Museo de Pontevedra.

A que se ofrece agora no edificio do Cantón Grande, que permanecerá ata o 25 de maio, consiste nunha escolma dos numerosos retratos feitos durante os últimos 45 anos. Entre os artistas que aparecen na exposición hai varios vencellados á cidade coruñesa, como Isaac Díaz Pardo, Tenreiro, Elena Gago, Xavier Correa Corredoira, Felipe Criado, Luis Caruncho, Soledad Penalta ou Xaime Cabanas.

Xulio Gil naceu en Ourense no 1954 e é tamén matemático. A súa obra dá unha especial relevancia á arte e ao patrimonio, polo que algúns dos seus traballos xiran arredor de persoeiros como o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, o arquitecto Iago Seara ou o arqueólogo Antonio de la Peña. A que foi a súa dona, a poeta Xela Arias, colaborou con el no proxecto Tigres coma cabalos, que mesturou as palabras e as fotografías. No ano 2013 recibiu o Premio da Crítica de Galicia ás Artes Plásticas e Visuais.

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e a coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores, participaron na inauguración da mostra. Cores destacou que obras de Xulio Gil forman parte da Colección de Arte de Afundación porque a entidade quere “que permaneza para sempre ao dispor de todos os galegos” ao entender que é “unha figura fundamental na cultura do noso tempo”.