En calidade de presidente da Asociación Veciñal Agra, diante da información que apareceu no seu xornal ao respecto do Pleno Municipal de Aprobación do Orzamento, véxome na obriga de facer público o seguinte:

1.-En primero lugar, que a actuación do PP e PSOE paréceme un auténtico atentado político e unha completa indignidade, procedendo á aprobación dun orzamento para que o execute outro grupo político, neste caso A Marea. Isto, en política, ten un nome que é moción de censura encuberta. É, simplemente, impoñer a ditadura do bipartidismo ferido. Por que non se unen e gobernan xuntos? Pola práctica vivida até agora xa sabemos que pouco máis ten Xan que Pericán? Quede claro que nada disto me sorprende coñecendo o comportamento habitual destas organizacións.

Imaxino que o goberno da Marea estará a tal hora a punto de por enriba da mesa una moción de confianza. No caso contrario, o ridículo e a frustación que se aveciñan poden ser maiúsculos, mais é o seu problema.

2.-Na mesma información aparecen as modificacións do gasto que PP e PSOE introduciron no orzamento do grupo de goberno. E con que nos atopamos. Pois con que eses que, de cando en vez, veñen vender motos polo barrio non produciron nin un só euro para investimentos na Agra do Orzán, cando son, ademais, os principais responsables das carencias e os problemas que temos.

Cómpre, xa que logo, que os veciños e veciñas coñezamos cal é a realidade e esixamos responsabilidades a quen corresponde. Cómpre que deixemos de andar a nos queixar polas tabernas de que nos ignoran e non se atenden as nosas xustas peticións, e despois dedicarnos a lles pasar a man polo lombo cando se achegan polo barrio a nos vender fume.

3.-Descoñezo a inversión que o orzamento do grupo de goberno contempla para o barrio. No momento que o saiba tamén farei pública a miña valoración positiva ou negativa.

Poderán facernos máis ou menos caso, mais o que non van conseguir é facernos calar.