18 de mayo de 2018
18.05.2018
Cartas de los lectores

Letras Galegas: De guímaros e suicidas

18.05.2018 | 02:07

Todo empezou por un viño nunha cea dun interesante encontro herculino de psicanálise onde se falaba de Sade e da esencia da perversión. O viño era tan bo que deu parola a preguntármonos que era a verba guímaro coa que se bautismara aquel gorentoso viño. Eu só lembraba que Franco Grande definía ese vocábulo como un adxectivo semellante a espilido, vivo, activo e sagaz. Meu irmán pequeno, o mitólogo, díxome ao teléfono que era unha especie de familia mítica das terras luguesas. Así as cousas, mentres preparaba o poema para a homenaxe a Carvalho Calero, desprezado un ano máis pola Academia Galega, un amago de neurose obsesiva adonouse da miña vontade e deime á pescuda deses enigmáticos guímaros. Alén dos viñedos de Doade debruzados no Sil, o primeiro guímaro dun dicionario de español falábame de bufón e hazmerreír, mais tamén dun apelido común en Brasil e Portugal.

Porén, descubrín que guímaro era ademais un xentilicio para se referir non só aos habitantes da Pobra do Brollón, polas Terras de Lemos e María Castaña, aquela afouta muller que liderou as revoltas contra o vispo de Lugo no século XIV, senón tamén dos nativos de Videmala nas terras de Alba, hoxe zamoranas e no pasado do reino da Galiza.

De enlace en enlace do buscador asistín pasmada á revolta medieval dos guímaros, contada por Amor Meilán, na que a casa de Lemos trata de someter aos do Brollón a un tributo ao que o pobo dos guímaros se nega a non ser que llo viñeran a recadar nas súas casas e coas portas fechas, tan só botando a moeda por baixo da porta. (Encoraxada idea guímara que me deu pé a pensar canto do noso pasado revolucionario ignorado podemos traer á revolta de hoxe contra a inxustiza). Desde entón dise que se lles coñece como guímaros, é dicir, rudos, afoutos e desconfiados.

E sendo a historia destes antigos guímaros unha lenda popular con certa base histórica, como apunta o arqueólogo Xurxo Ayán, nunha conflitiva terra de reguengo onde se solventaban, co sangue do pobo, as rifas entre reis e nobres, enxergo o aquel de guímaro como espilido, activo e sagaz. Porque tamén en Videmala déronse conflitos medievais entre os reinos leonés e portugués.

Xa Benito Vicetto na novela Los Hidalgos de Monforte, falaba dun tal Guímaro nos tempos da revolta irmandiña, que fora encadeado e cruelmente esnaquizado polos esbirros do conde de Lemos por liderar a revolta. E Vicetto di que os monfortinos aínda aldraxan con ese alcume aos da Pobra do Brollón. De xeito que na memoria colectiva do noso pobo ficou a verba guímaro co uso despectivo de insulto ate o punto de terse que mudar a que fora rúa Guímaro por rúa da Feira. E ter que se artellar unha Feira Medieval Guímara no ano 2014 e unha estatua á entrada da vila para recuperar a memoria.

Entramentres ando a cismar na morte cotiá da nosa lingua, na semana das Letras Galegas onde un presidente farfulla, nun galego de curral, que co seu goberno se coñece mellor o galego mentres se van enchendo as marquesiñas coa eiva do galego como victoria de lingua emotiva que só pode espertar un amor de lar fechado e frores de escravatura dun maio suicida e necrofílico, onde un pobo todo o ano mudo, dáse a unha semana orxiástica de cerimonia museística, con ripios, mantras e inciensos alumiados por uns exvotos de candea mercados nos cerumes meseteiros dunha academia que vive de costas aos xigantes exvotos de Braga e Porto, a lingua oceánica que abre o mundo da lusófona galeguía.

Entramentres os da plataforma Queremos Galego reclaman o dereito a vivir en galego, o clúster lobista de Gloria Lago Hablamos Español recolle sinaturas para nos soterrar e lacrar as campas, os lusos comezan a falar con nós sen intermediarios casteláns e os ilusos sacan da gabeta a Lei Paz Andrade... Entramentres uns guímaros de Ferrol reivindican en homenaxe a Carvalho Calero para as Letras Galegas dunha estúrdiga Academia.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine