O músico Agustín Sánchez vén de debutar no eido discográfico cun álbum autoeditado no que amosou a súa versatilidade, xa que ademais de tocar todos os instrumentos na gravación tamén foi o encargado do son. "Ao facelo así todo saía máis económico e tiña todo o tempo do mundo para repetir as pezas e que quedasen ao meu gusto. No que atinxe ao son traballei de forma autodidacta, consultando moito en internet e botando man de algúns técnicos de son aos que coñezo. A verdade é que penso que o resultado nese apartado non ten que envexar a traballos publicados en Galicia".

Tiña nos miolos dende hai tempo a idea de publicar un disco e decidiu adaptar o repertorio elixido, agás dúas pezas todas as demais están compostas por el, para a formación de cuarteto. "Quería dar visibilidade a este tipo de formación, que penso está un tanto esquecida".

No traballo existe un espazo para temas cun estilo afastado da tradición, onde salienta a simpática Swing con grelos. "Por iso leva o título de Pezas de aquí e acolá, xa que existen referencias doutros estilos. Semella que a gaita estea relegada a un ambiente musical determinado e a miña intención é ofrecerlle á xente outras posibilidades diferentes tocando este instrumento. Agora existen mellores gaiteiros e máis instruídos musicalmente e penso que iso permite elaborar cousas novas". Músico de amplas miras estéticas, Sánchez xa traballou con gaita e piano e gustaríalle poder editar no futuro un álbum con esa escueta formación. No que atinxe ao seu traballo salienta que é unha obra "para ouvir detidamente, xa que en cada nova escoita podes descubrir algo novo. Teño claro que é un álbum destinado a un público moi concreto". O traballo dá a posibilidade de acceder ás partituras dos temas, "para que os estudantes e gaiteiros interesados poidan ter a disposición ese material,o que me parecía interesante".

En vindeiras datas fará concertos de presentación con formación de cuarteto en Ferrol e Santiago.