Premios Opinión

Catro discos con moito peso

Os traballos de Riobó, Pepe Vaamonde Grupo, Orquestra de jazz de Galicia e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre acaparan dez das doce candidaturas existentes nos galardóns

28.02.2016 | 17:50

Esta décimo quinta edición dos galardóns vén marcada pola forte presencia nas candidaturas de catro traballos, que só deixan espazo entre os finalistas a dúas cancións doutras obras. Un deses temas é a Habaneira de Berlín, un tema composto por Alba María, unha cantante moza de vinte anos que debuta no eido discográfico con Aínda. O outro provén dun álbum de música infantil, xa o ano pasado Magín Blanco optara a dous galardóns cunha obra dirixida aos máis pequenos, o que significa que ese tipo de producións está logrando chamar a atención de toda a familia ou, cando menos, dos adultos que forman o xurado. Trátase da canción Libre para voar, composta polo brasileiro Sérgio Tannus, finalista noutra edición como artista, quen conta coa voz de Sonia Lebedynki, coa que está ultimando o lanzamento como solista da coruñesa para os vindeiros meses.

Completan o cuarteto de temas orixinais a composición Retello, realizada polo frautista Fernando Pérez para o disco da banda Riobó e Treboada, unha descarga contundente provocada polo maxín creativo do gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde, quen é un dos elixidos para poder facerse co galardón como mellor artista do ano 2015. O músico é o líder dunha formación que leva o seu nome e que colocou o seu máis recente traballo, Nas Pedras do Lar, como finalista a mellor álbum. É o cuarto disco do conxunto, que xa lograra un PREMIOS OPINIÓN coa súa opera prima Aviouga, considerado o terceiro mellor traballo do ano no antigo formato dos galardóns.

A violinista Begoña Riobó aparece por segunda ocasión como finalista a artista do ano. O seu instrumento ten un protagonismo especial nunha banda á que deu nome e ademais das súas calidades técnicas evidentes é unha das persoas que mellor sabe transmitir dende un escenario. O grupo Riobó acadou o nomeamento de finalista a mellor disco con Quiral, que constitúe o seu segundo álbum. Os seus compoñentes están mergullados en moitos proxectos e iso fai difícil unha maior continuidade discográfica coa formación. O seu debut produciuse en 2011.

A presencia da Orquestra de Jazz de Galicia cun proxecto baseado estritamente en música tradicional galega marca un punto de inflexión na nosa música. Guste máis ou menos estamos diante dun traballo histórico que foi quen de unir dous mundos que non tiñan demasiada convivencia e fixérono con moita soltura. Pedro Lamas é o elo que une jazz e tradición galega e o seu colega imprescindible para elaborar unha obra ambiciosa, con máis de corenta músicos gravando no Auditorio de Galicia de Compostela, foi o saxofonista Roberto Somoza, dous homes que decidiron tirar cara adiante por moitas dificultades que acharon no camiño. O resultado de todo iso é Fame, unha obra que ocupa un lugar no cuarteto de posibles gañadores e a nivel particular o dúo responsable do proxecto xa fixo historia nos nosos premios, pois é a primeira vez que existe unha candidatura conxunta, posto que as circunstancias nos levaron a considerar que non tiña sentido que fosen por separado, dado que os arranxos dos temas veñen asinados polos dous e compartiron todo o proceso. Polo tanto, convértense na excepción dunha candidatura que seguirá a ter, malia outro caso semellante, como finalistas a catro persoas.

O cantante coruñés Xabier Díaz xuntou ás Adufeiras de Salitre para elaborar The Tambourine Man, unha chiscada a Dylan, un traballo que afonda con gusto na música tradicional do país e realiza un percorrido por temas que chamaron a atención do cantante, que con este álbum deu o seu terceiro paso como solista. Coa súa ópera prima xa lograra un PREMIO OPINIÓN e agora loitará por poder levar outro a casa, xa sexa como mellor disco ou artista.

Finalistas XV Premios Opinión

Mellor Tema Orixinal

HABANEIRA DE BERLÍN
Compositora: ALBA MARÍA
O primeiro disco da cantante Alba María proporciónalle unha candidatura cunha composición na que tamén aporta a letra. A ritmo de habaneira e con músicos cubanos arroupándoa

LIBRE PARA VOAR
Compositor: Sérgio Tannus
A peza que abre o disco Alegría conta coa fermosa voz de Sonia Lebedynski e manexa un ritmiño reggae. Nova achega aos finalistas dun traballo destinado ao público infantil.

RETELLO
Compositor: Fernando Pérez
Non hai moita composición propia na obra do conxunto vigués, mais salienta esta peza do frautista Fernando Pérez, quen sabe darlle cancha no tema aos intrumentos de corda.

TREBOADA
Compositor: Pepe Vaamonde
Tema con forza e enerxía, característico dun tipo de música na que Vaamonde se sente cómodo. É moi diferente a calquera dos outros nun ano moi variado no plano estilístico.

Mellor artista

XABIER DíAZ
A súa presencia en Berrogüetto mantívoo afastado da súa carreira como solista e coa nova obra volve amosar que se move con expresividade nas raíces dunha música galega da que sabe tirar proveito.

LAMAS - SOMOZA
Unha candidatura que debeu ser conxunta dado que son os xestadores ao 50% do disco da Orquestra de Jazz de Galicia e comparten os arranxos das pezas, polo que non era posible separar os seus méritos.

BEGOÑA RIOBÓ
Esta é a segunda vez que a violinista aparece neste lugar dos finalistas. É a que dá o nome a unha banda na que a sonoridade e traballo do seu violín é unha parte importante á hora de valorar o álbum.

PEPE VAAMONDE
Ao gaiteiro non lle asusta facer composicións. Na nova obra discográfica achega máis de dez coa súa sinatura, nas que deixa ver o seu estilo. Vaamonde continúa traballando para que a banda se poida consolidar.

Mellor Disco

THE TAMBOURINE MAN
Intérprete: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Percusións potentes, voces da terra e o poder das pezas que proveñen da tradición. Todo ben axitado ofrece un cocktail para saborear.


 E QUIRAL

Intérprete: Riobó

A banda vai dando pasos paseniñamente. Será un bo momento para asentar máis a proposta? Teñen músicos de categoría e iso nótase á hora de desenvolver os temas.

FAME
Intérprete: Orquestra de Jazz de Galicia
Se Miles Davis meteu nun disco unha peza da nosa tradición, por que nos non imos facelo? Jazz e tradición nun formato como nunca se escoitou.

NAS PEDRAS DO LAR
Interprete: Pepe Vaamonde Grupo
O concepto creativo sae de Vaamonde, coa axuda de Pipo Alvariño. Grupo folk con alicerces sólidos que garda un espazo para a música cantada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine