O novo traballo do trío non leva unicamente música, xa que a obra é un libro-cedé no que o escritor Carlos Meixide realiza un percorrido polas doce historias consideradas como un fake elixidas pola formación e o artista O Pastor reflicte a súa visión gráfica de cada unha delas, que pasaron a se converter en inspiración para elaborar a ducia de cancións incluídas no traballo. Conversamos con Pedro Pascual, o acordeonista do grupo.

-A publicación do disco estaba prevista para o ano pasado. Tardaron en editalo mais, como aconteceu no seu debut, o ouvinte pode escoitar máis dunha hora de música.

-Sempre nos pasa igual. Por un chisco fomos quen de meter toda a música no formato dun cedé. Vas acumulando material e despois queres incorporar na obra todas as vivencias destes anos. É importante que os músicos teñamos o noso propio ritmo creativo.

-Unha pregunta obrigada. Por que é o concepto de fake o motor da obra?

-Quixemos plasmar o que ten de significado esa palabra baseándonos en historias que a humanidade dá por validas, pero que non se estudaron o suficiente para corroboralas e quedan como unha suposta falsidade. Existen fraudes aínda sen desvelarse mentres a historia oficial vai por outro camiño.O primeiro que nos veu á cabeza foi Orson Welles co seu filme F for Fake e despois puxémonos a traballar para musicar os fakes elixidos. Nós facemos ritmos que nos gustan da tradición europea, pero non son exactamente unha polska sueca ou un scottish ao uso, senón que son como fakes deses ritmos.

-Teñen arredor dun 60% de composicións propias e un 40% de temas tradicionais na obra e os compoñentes do trío achegaron o dobre de composicións nesta ocasión.

-Non fixeramos esa análise de números. Cada un de nós realizamos o que queremos e se un trae unha peza montámola, traballando sempre dun xeito moi coral. O universo sonoro conformámolo entre os tres. O concepto primordial é esa sonoridade que procuramos para o grupo. Quedamos, ensaiamos e cociñamos. Temos unha relación coa comida que nos levou a facer presentacións en sitios singulares da nosa xeografía co espectáculo Ao son da cociña, no que estamos acompañados por un chef. Encántanos ese proxecto, que seguimos vendendo aos programadores porque resultou moi ben.

-Realizan arranxos de pezas tradicionais, e composicións propias nun estilo persoal no que aparece un espírito jazzístico...

-Tentamos fuxir dese carimbo do jazz, que é un termo moi amplo. Gústanos falar máis de música improvisada, algo que non é alleo ao tradicional. Asóciase ao jazz, pero na tradición sempre houbo esa improvisación. Permitímonos esas licenzas de facer algunha improvisación. É verdade que existen harmonías que poden lembrar ao jazz, mais tamén a outras correntes. Nos concertos temos un pequeno esquema melódico e harmónico, pero o que pasa despois co tipo de acompañamento e a improvisación é unha enerxía que conflúe no momento en que estás a tocar. Nas nosas traxectorias participamos en bandas que levaban ao directo un son fidedigno, pero nós dámonos liberdade. Cada concerto é un mundo.

-Foron uns dos participantes no concerto inaugural do Womex celebrado en Compostela, que debeu ser o máis curto da súa andaina ao ter que estar só 12 minutos enriba do escenario. Que sensacións lles quedaron desa intervención?

-As sensacións foron moi boas, aínda que resulta un pouco cruel tocar tan pouco. Creo que a gala saíu moi ben. Gozamos moito tocando alí e pensamos que a repercusión foi boa. O outro traballo pendente é seguirmos a afondar con eses contactos que se fixeron durante eses días da feira musical con programadores de todo o mundo.

-Moitos non saberían o que ían escoitar. Que lles chamou máis a atención da proposta musical que realizan?

-Quizais o que máis chamou a atención de Talabarte foi esa valentía de improvisar no escenario facendo os tres uns pequenos sós. Dixéronnos que fora un concerto intenso. As outras propostas desa gala inaugural eran diferentes. En Europa existen formacións coma a nosa, mais con outras sonoridades. Un crítico holandés dicía que timbricamente podiamos lembrar a certas bandas, pero que nos diferenciabamos delas por un certo ton jazzístico.

-Gustaríame que nos contase como traballa o trío cando elixe unha peza tradicional. Por exemplo con Sisamo Road, nome dado a esa fermosura de tema que é o Pasodobre de Sísamo. Como elaboran os arranxos?

-Resulta complexo. Nós fixámonos moito no repertorio vocal de tradición oral. Son melodías que conservan os conceptos máis arcaicos de modalidade e forma. Pensamos que conservan a idiosincrasia máis pura de Galicia. Entón nós mesmos facemos un fake particular, xa que non cantamos e debemos abordar a canción dun xeito instrumental, algo que pode resultar complexo. Un instrumento como o violín permite facer cousas que nos axudan bastante para o que pretendemos, no que sempre temos un máximo respecto á tradición. Ensaiamos e comezamos a crear sen facelo ao chou, senón tendo moi en conta quen o cantaba e como, aínda que non fagamos algo etnográfico. Nesa peza en concreto contamos coa frauta de Jorge Pardo, quen quixo gravar nos temas interpretados por señoras que cantaban de xeito antigo por lle lembrar aos cantaores de flamenco.