A chegada de Filgueira pon fin a unha etapa de doce anos liderada por Paulo Carril, que o pasado día 26 foi elexido número dous do sindicato que dirixe Xesús Seixo en Galicia. O candidato, de 52 anos, empezou a traballar aos quince e a militar no sindicalismo nacionalista a mediados dos 70, primeiro na ING, a INTG e finalmente, na CIG. Exmilitante do desaparecido Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceibe, pasou 13 anos na cadeapor participar nunha emboscada á Garda Civil en Irixoa na que morreu un axente e outro resultou ferido. Hoxe,doce anos despois de ter rexeitado a violencia e de traballar na federación de Químicas e Enerxía, aspira a afondar na apertura do sindicato á cidadanía.

-É a crise a que impulsa a renovación, hai necesidade de novos folgos?

-Non. É unha renovación natural, consecuencia do congreso confederal. Toca renovar as estruturas comarcais e federativas por tempo e non tanto polas circunstancias.

-Deixa a Federación de Industria na comarca cando o sector está no seu peor momento.

-Si. A pouca industria que temos está a desaparecer. O peso do sector era pequeno en relación a outros pero pecharon unha chea de empresas clave, como Emesa, Emesa Trrefilería, a fábrica de armas... - Alcoa, está nunha situación particular que a ver como se resolve. Levamos anos pedindo aos responsables políticos un plan industrial ou de emprego que frene a sangría, e témolo que seguir a esixilo.

-Foi membro do Exército Guerrilheiro e cumpriu condena por participar nun atentado. Non o deslexitima isto para o cargo?

-Un ten que asumir a súa historia persoal e eu estiven na cadea trece anos pola miña pertenza naquel momento ao Exército Guerrilheiro. Fun condenado e ese é o meu pasado e non renego del, despois de ter feito unha valoración do que supuxo aquilo no terreo político, de sacrificio humano e persoal e todas as consecuencias que tivo naqueles anos. A lexitimidade danma o traballo e a militancia sindical e outras cousas que están aí tamén. Non o vou ocultar porque non sería lóxico nin razoable.

-Arrepíntese e condena esa actividade?

-O que tiña que dicir díxeno naqueles anos e está nas hemerotecas. Os que daquela estabamos presos vimos que a violencia non tiña sentido e tampouco era capaz de articular un proxecto político que non estivera marxinalizado de por vida. Fixemos unha declaración de que non iamos utilizar nunca máis a violencia para conquerir obxectivos políticos e iso é o que se recolle no auto xudicial de liberdade.

-Neste momento no que hai un total desencanto cos partidos políticos ou sindicatos, como afronta o desafío de implicar aos traballadores?

-É algo que tratamos no congreso confederal de hai unhas semanas. Temos que sair adiante e perseverar nunha acción sindical pegada aos centros de traballo, e de conexión cos movementos sociais que están na rúa, como os contrarios aos desafiuzamentos. Temos que dar alternativas e incluso mudar algúns métodos para que o noso discurso chegue.

-Como por exemplo?

-Non hai moito fixemos asambleas abertas á cidadanía, e cando nos plantexamos algunha campaña sindical plantexámonos non ir só ás fábricas senón abrilas ao conxunto de cidadanía. Na asamblea da praza de Pontevedra abrimos os micrófonos para que todo o mundo falase abertamente. Foi unha experiencia que se repetiu noutras ciudades e estamos decididos a impulsar e seguir por aí. - logo, intentar mellorar a participación interna no sindicato. Ademais contestando ás políticas da Xunta e do Goberno español.

-Hai máis afiliación nestas épocas de crise?

-A afiliación mantense e a afiliación nominal aumenta, ainda que tamén hai xente que reduce a cuota por desemprego ou cobra menos do salario mínimo ou esgota as prestacións e dase de baixa. Entre 2008 e 2012 a afiliación incrementouse nun 6,21%. A xente cando hai conflictividade e precisa máis do sindicato.

-No seu mandato, haberá manifestacións unitarias con UXT e CCOO ou continuarán como ata o de agora?

-Iso non se vai modificar. Defendemos a unidade sindical na medida que sexa útil para encarar conflitos e dar unha resposta. Nalgúns sectores e convenios temos accións conxuntas pero as datas do Primeiro de Maio ou 10 de Marzo cada un plantéxaas en función dos seus obxectivos tácticos. Pode haber coincidencia en folgas xerais pero hai que ver a práctica de todos os demais e ás veces non permite afondar na unidade porque os demais apostan por o pacto social e chegar a grandes acordos, como pasou coa reforma das pensións.

-Imaxine que fala cunha persoa que quere afiliarse. Que fai da CIG mellor sindicato?

-Temos unha práctica contrastada na defensa dos intereses dos traballadores, non facemos un sindicalismo de pacto social, somos un sindicato que sabe negociar pero que se ten que confrontar, confronta. - logo, que somos un sindicato nacionalista, que é a nosa esencia que defende a soberanía e a loita de clase.

-Que exemplos concretos poría na comarca da Coruña nos que a confrontación deu un mellor resultado fronte a outros sindicatos?

-Hai un montón de ERE por aí nos que na defensa do posto de traballo temos bos resultados. Paralizamos a aplicación da reforma laboral a través de certa conflictividade e iso é producto de non tragar con ela como algo irreversible e irremediable. Entendemos que confrontando podemos modificar determinadas condicións. Iso viuse en varios casos.

-Non se molla con nomes concretos?

-Non porque prefiro non entrar en cada conflito, que corresponde tamén a cada federación.