Carlos Callón Cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega por A Coruña

"Se o nacionalismo galego non estivese no Congreso non se falaría de Galicia"

"Podemos negou a posibilidade de aliarnos para o 20-D", suliña nesta entrevista Carlos Callón, cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega por A Coruña

02.12.2015 | 18:50
Carlos Callón, onte en Santiago.

"O Bloque foi xeneroso no proceso de negociación pero dous non conflúen se un non quere"

Carlos Callón, cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega por A Coruña, non se pon límites nas eleccións xerais do vindeiro 20 de decembro. Eso si, reitera que se non hai presenza do nacionalismo galego no Congreso, as reinvidicacións de Galicia non se escoitarán.

-Vostede é profesor e escritor, por que da un paso máis e decide presentarse a estes comicios?

-É certo que estaría máis cómodo escribindo os meus libros. Estaría tamén moi cómodo ca miña vida como profesor. Pero non podo quedarme tranquilo con esa vida cómoda vendo a situación actual e que cada vez que sae un estudo sobre Galicia sempre sexa negativo.

-Dígoo porque ser político non está moi ben visto.

-É certo. Pero a xente coñéceme polo meu traballo de activista veciñal, en defensa da lingua, do movemento gailésbico... E gozo. Desfruto colaborando para que a sociedade sexa mellor.

-Supoña que vai nun ascensor e ten 20 segundos para explicar aos seus compañeiros de viaxe que é NÓS.

-É unha constelación de forzas. Por una banda, é unha continuidade do traballo do BNG de 20 anos no Congreso, pero tamén con máis forzas e centos de persoas que entenderon que é necesario crear esta ferramenta política. Unha ferramenta que camiña con dúas pernas: a perna dunha política coherente de esquerdas -non cambiamos o noso programa electoral a golpe de sondaxes, somos coherentes e mantemos a liña que mantivo o BNG-; e a outra perna que nos distingue é a defensa de Galicia. Somos a única forza electoral, e hai que dicilo con toda claridade, que presenta os problemas de Galicia e colócaos na axenda política.

-Estase pasando dos 20 segundos?

-(Risas) É certo que me estou pasando dos 20 segundos. Pero é que o que fan tódalas forzas políticas en campaña electoral é porse a man no peito e dicir "¡oh Galicia!, ¡oh Galicia!". Que é o que nos diferencia delas? O nacionalismo galego, alí onde ten presenza institucional, fai unha defensa de Galicia. Se o nacionalismo galego non estivese no Congreso ou no Parlamento non se falaría de Galicia. Somos nós os que temos que falar dos emigrantes retornados e o resto de partidos cando falan fano a rebufo. Somos nós os que insistimos coa comisión de investigación do sinistro do Alvia. Somos nós os que falamos dos problemas dos mariñeiros do cerco?

-Soa moi de mitin?

-(Risas) É certo. Hai moitos asuntos na axenda que non se tocarían se non estivese o nacionalismo galego. Hai moitas opcións boas, pero só hai unha imprescindible que é a nosa.

-Teñen medo de quedarse fóra do Congreso?

-Non nos poñemos límites. Entendemos que Galicia ten que ter presenza. Estamos nun momento moi importante. Tódalas enquisas sinalan que non vai haber maiorías absolutas e iso significa que poucos diputados van acadar máis resultados.

-Cal é a primeira medida concreta que presentará se resulta elixido?

-Reivindicar unha tarifa eléctrica galega. Se eu vou mercar laranxas que me traen de Valencia, pagarei o custo de transporte. Por que razón os galegos pagamos o custo dese transporte cando se produce aquí? Por que?

-Foi imposible chegar a un acordo con En Marea.

-É certo que nós desexaríamos que máis xente se colocase nesta postura de defender unha política coherente?

-Insisto. Ninguna das dúas partes quixo ceder?

-O BNG foi xeneroso no proceso de negociación. O Bloque preséntase sen empregar as súas siglas. Ese é un acto de xenerosidade que outras forzas non fixeron. Tristemente a estratexia de Podemos non é esa. Evitou o acordo. É lexítimo, pero non era a nosa proposta. A nosa proposta é que Galicia teña voz, que os diputados galegos non teñan límites á hora de defender o noso país. Eu non digo que outras candidaturas non sexan boas pero o que si digo é que só hai una candidatura imprescindible para Galicia, que é a nosa.

-O outro día preguntáronlle ao candidato de Izquierda Unida á Moncloa, Alberto Garzón, despois de que fallase a alianza con Podemos, se o único lugar no que se podía ver xunta toda a xente de esquerdas era no cemiterio. Non pode ocorrer algo similar con vostedes e En Marea?

-Pero é que dous non conflúen se un non quere. Podemos negou esa posibilidade. Negouna lexitimamente. Teñen o seu proxecto a nivel nacional e En Marea entra dentro dese proxecto a nivel de Estado. Nós temos un proxecto diferente.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Enlaces recomendados: Premios Cine