A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos celebrará o vindeiro sábado 7 de decembro unha nova xornada de promoción e dinamización comercial denominada "Adiántate ó Nadal" na que participarán unha vintena de establecementos comerciais de Betanzos. Nesta xornada os comercios participantes,que estará indentificados cun distintivo, ofrecerán ós seus clientes a oportunidade de adiantar as compras do Nadal beneficiándose de descontos en produtos sinalados. Ademais outro dos obxectivos desta acción é a de ofrecer ós clientes do comercio de Betanzos a posibilidade anticipar as compras evitando as aglomeracións típicas do periodo do Nadal, conseguindo mellores prezos e sen saír de Betanzos. A presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, fai un chamamento para animar ó público a visitar Betanzos o próximo sábado xa que segundo declarou "os clientes poderán aproveitarse de condicións vantaxosas á hora de realizar as compras nos establecementos participantes en Adiántate ó Nadal e ademais haberá outros alicientes que se suman ós que Betanzos ofrece normalemente xa que estará instalado o Mercado de Nadal no Cantón Claudino Pita, continúa en marcha Semana do Pincho nunha vintena de establecementos hostaleiros da cidade e ademais e por primeira vez, ACEBE CCA instalará un circuito de karts a pedais na Praza Irmáns García Naveira". A xornada celebrarase no horario comercial habitual (de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 21.00h) e os 23 establecementos participantes que pertencen a diferentes sectores como a moda, o calzado, complementos, mobles ou librarías ofrecerán importantes descontos, sorteos, regalos polas compras e incluso cócteles e degustacións? Como novidade os establecementos participantes nesta xornada repartirán invitacións para participar no mencionado circuito de karts a pedais que se instalará ese mesmo día na Praza Irmáns García Naveira de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Con esta iniciativa ACEBE CCA pretende dinamizar o comercio de proximidade e reactivar o sector comercial de Betanzos que hoxe en día continúa sendo o principal impulsor da economía local. O listado de establecementos participantes pódese consultar a través da páxina web www.comerciodebetanzos.com. Para levar adiante esta campaña ACEBE CCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Betanzos.