-Que balance fai da actividade de Sogama do ano pasado?

-O ano pasado acadamos máximos históricos de eficiencia industrial, co cal, como non podía ser doutro xeito, síntome especialmente satisfeito, tendo en conta, ademais, que asumín a presidencia de Sogama hai pouco máis dun ano. Isto, evidentemente, motívanos a continuar o noso traballo nesta liña e demostrar o gran potencial que ten esta empresa pública desde todos os frentes, tanto industrial como medioambiental, económico e social.

-De cantos concellos asume a xestión a entidade?

-Sogama asume a xestión dos residuos urbanos producidos por un total de 295 concellos, é dicir, estariamos a falar do 94% do total, atendendo a unha poboación superior aos 2.260.000 habitantes. Se hai algo que define o sistema Sogama é o seu carácter global, é dicir, está deseñado para atender as necesidades de toda Galicia; integral, xa que aplica de forma prioritaria o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa cun cuarto erre, o da recuperación enerxética da parte non reciclable; e solidario, toda vez que aplica o mesmo canon 295 concellos adscritos ao seu modelo, con independencia das súas particularidades e situación xeográfica. De feito, grazas á boa xestión do pasado ano, o canon mantense en 2016 nos 67,18 euros máis IVE por tonelada de lixo tratada, continuando a ser o máis barato das plantas de tratamento existentes en Galicia e un dos máis baratos a nivel nacional.

-Con que instalacións conta o complexo medioambiental para levar a cabo a súa actividade?

-A compañía encárgase de xestionar dúas fraccións de lixo: a bolsa amarela, isto é, os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través dos contedores amarelos, que separa automáticamente por tipos de material nunha Planta de Clasificación (PCLAS), remitíndoos posteriormente aos centros recicladores; e a bolsa negra, é dicir, o lixo convencional que se deposita nos contedores verdes xenéricos e que se procesa na Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible (PRTE). Aquí, e tras separar a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro), acondiciónase co resto un combustible derivado de residuos (CDR) a partir do cal xeramos enerxía eléctrica na Planta Termoeléctrica (PTE), un proceso que levamos a cabo desde o máis absoluto respecto medioambiental. De feito, producimos o equivalente á enerxía consumida polo 11% dos fogares galegos.

-Está previsto que se fagan ampliacións este exercicio?

-Si, de feito poremos en marcha unha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa (plásticos e papel/cartón, ademais do aceiro, aluminio e vidro), incrementando a capacidade do complexo industrial nun mínimo do 36%, toda vez que subiremos desde as 550.000 toneladas/ano nominais, ás 750.000. Ademais, abordaremos igualmente a construción e posta en marcha dunha planta de compostaxe, que ubicaremos no vertedoiro de Areosa, e que terá unha capacidade para tratar 15.000 toneladas de materia orgánica ao ano.

-En que volumen subiu a producción o ano pasado? Hai diferenzas según o tipo de planta?

-Se a comparativa a facemos en relación ao ano 2008, logramos incrementar nun 27,7% os residuos procesados no complexo, superando incluso a súa capacidade nominal ao pasar das 459.326 toneladas anuais ata as 583.763. de forma paralela, conseguimos reducir o vertido nun 55%, baixando das 413.379 toneladas ás 185.041. En canto a produción de enerxía, chegamos aos 516.819 MWh, un 29,12% máis que en 2008.

-Como evolucionou a cifra de residuos tratados na planta de reciclaxe?

-Incrementouse notablemente o tratamento de lixo en condicións óptimas. Estariamos a falar dun 1,25% máis que en 2014, e un 27,7% máis que en 2008. Os números falan por si sós.

-En que medida se logrou reducir os residuos enviados ó vertedoiro de Areosa?

-No ano 2009, a Xunta de Galicia propúxose diminuir a cantidade de lixo remitido ao vertedoiro de Areosa, toda vez que o vertido constitúe a última opción contemplada na xestión xerarquizada de residuos que pregona a normativa europea. Se en 2008 se vertían 413.379 toneladas, esta cifra baixou no 2011 ás 306.934 toneladas e en 2014 ás 189.411, chegando en 2015 ás 185.041. Un 55% menos, todo un logro.

-Cales foron os actos de divulgación, formación e información máis destacados que se levaron a cabo en 2015?

-Foron moitos. Estamos a facer un gran esforzo nesta materia. Aí temos o programa de compostaxe doméstica, ao que están adheridos 169 entidades, das que 107 son concellos, tendo repartido máis de 5.000 composteiros; o programa Recíclate con Sogama, que xa vai pola súa cuarta edición, contando coa participación de 14 centros educativos de distintos puntos de Galicia que están a implantar a recollida selectiva; a campaña Separemos ben, reciclaremos mellor, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e que xa chegou de forma directa a 114.000 cidadáns; o programa de visitas ás nosas instalacións, polo que xa pasaron máis de 66.500 habitantes; os cursos de formación en liña, nos que levan participado máis de 300 persoas (profesores, tanto de Primaria como de Secundaria, portavoces municipais, policías locais e axentes de Garda Civil) ; a organización e coordinación de xornadas, actos, congresos e moitas outras actividades coas que pretendemos achegar o noso labor á poboación e acadar a súa axuda nese gran reto que supón facer fronte aos residuos, un dos maiores desafíos ambientais do século XXI.

-En que proporción aumentou a participación?

É difícil cuantificalo. Afortunadamente, cada máis somos máis os cidadáns que estamos sensibilizados coa protección e mellora do medio ambiente, pero é unha carreira a longo prazo. Imos dando pequenos pasos, e o desexable é que sexan pasos firmes e sen retorno.?