Vaia popurrí. O primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi afirmou: "Son o mellor presidente que tivo Italia nos seus 150 anos de historia". E algo de verdade debe haber pola súa reelección... aínda que esta reelección fai recordar aquel dito "vídeo meliora proboque, peiora séquitur" (veo o mellor e apróboo, sigo o peor). Isto dáse constantemente en todas os eidos da vida, ¿quen non desexaría dar marcha atrás de tantas opcións equivocadas tomadas na vida?

¿Compraríalle vostede a Silvio Berlusconi con esa cara de retranqueiro e de felicidade que ten, un coche de segunda man? Pois os italianos votaron masivamente polo Emperador, por Napoleón, polo Cavalieri, alcumes con que o designa a prensa italiana e tamén Súa Emittenza, súa Eminencia, tratamento dado ós cardeais.

Ten o seu mérito. Ós dezasete anos tocaba a guitarra e cantaba para se gañar a vida. Hoxe segue sendo un dos fenómenos sociolóxicos máis sorprendentes de Europa. É a primeira fortuna de Italia. Detrás de toda gran obra existe un enigma dificilmente descifrable e quizais sexa esta a primeira impresión que produce o contacto con Berlusconi e o seu mundo.

Cando Berlusconi pensa na maxia do cine para os habitantes das súas creacións urbanísticas, detense a reflexionar e levar o cine ó espectador no canto do espectador ó cine. E nace así, nese momento, a súa televisión. A saber de proxección convértese nun estudo e irrompe na historia do audiovisual, un dos capítulos máis polémicos e fascinantes.

Rexeita Berlusconi a cualificación de fenómeno sociolóxico. E di que non existe unha chave para o éxito. Non hai unha, hai moitas chaves, fabricadas co traballo de dezaoito horas diarias durante moitos anos.

Berlusconi dirixe máis de cento cincuenta empresas, desde inmobiliarias a editoriais, desde seguros a construción e a súa televisión, da que está fatalmente namorado.

Chegou a ter máis de 400 comidas de traballo para convencer ós industriais italianos das vantaxes da publicidade nas súas canles.

Con indubidable talento que posúe foi cara a unha televisión europea. Así podemos evitar a invasión de filmes e telefilmes norteamericanos. "E teño a absoluta seguridade de conseguilo", dicía Berlusconi.

Berlusconi a par desta vida de traballo, levaba unha vida de sibarita. Tiña na súa mansión un oratorio con música de Bach. Unha piscina interior con nove televisores, ante os que Berlusconi non só segue as súas canles, senón o resto de televisión italiana. Saunas, canchas de squash. Unha pinoteca con Durero, Rembrandt, e outros.

Berlusconi sempre acatou e esquivou legalmente moitos proxectos que se consideraban utópicos.

Hoxe Berlusconi ocupa portadas e titulares de revistas e diarios mundiais, por mostrarse gran admirador da beleza feminina, chegando a definir á muller como "o mellor agasallo que Deus lle fixo ó home". Non imos repetir o que nos veñen dicindo os medios. E so admira a beleza feminina, de todas. En cambio o Premio Nobel Ramón y Cajal en Charlas de café dinos que a muller é a pílula máis amarga que a natureza se compraceu en adornar para que o home a trague máis doadamente. Berlusconi non se indixestou pero tamén tragou. Lembro unha foto de Soraya, moi favorecida envolta nunha especie de túnica (?) tul ilusión (?). Cando lle preguntaron a Rajoy que lle parecía a foto, como galego contestou que saíra moi ben.

Era coñecida tamén a debilidade, polo belo sexo, de Nicólás Franco, eterno embaixador en Lisboa. De cando en vez soía o embaixador facer algunha escapada de incógnito ós clubes nocturnos da veciña Francia. Pero os paparaci cazárano cunha vedette sentada nos seus xeonllos, que publicaron nunha revista gala prohibida en España. Pero algún político da oposición fíxolle chegar a revista francesa ó ministro Castiella ou Martín Artajo, non recordo cal deles, ministros de Asuntos Exteriores de Franco, e ambos de Acción Católica. Un destes ministros, cando semanalmente despachaba co Caudillo, meteulle a folla da foto do irmán no medio dos documentos a Franco. Este, fitouna un momento, e por todo comentario dixo "hai que ver qué bien se ve mi hermano", e Castiella (?) foise co rabo entre as pernas. Agora comprendemos a defensa do concellal Negreira. F. era máis que un prócer. Con perdón.