Idea solidaria e educativa: despois do solsticio de verán atoparse anualmente e subir ó Monte Pindo para coñecelo, querelo e respetalo. Así o propaga e fai a Asociación Pedramar do mesmo Pindo, en Carnota.

Todo galego no seu sano xuízo e estado físico debe facer ascese cara ao alto da Moa do Monte Pindo. Como expresa seu topónimo, que non convén enrevesar en fabulacións persoais, é lugar penedío, pino e case alpino. En relación con outros nomes grecolatinos asociados a altares, a deidades, a xanas, fadas ou musas da inspiración. E esa subida debe facerse como require toda peregrinación a un a ltar nos confíns do mundo. Pétreo santuario dende o que enxergar horizontes, non soamente atlánticos, Fisterra, as illas Lobeiras, luparias ou lapidarias, por iso do "lapis", a pedra, máis que de lobos mariños, onde se pon a orixe dos Mariño, nacidos de serea, horizontes tamén de historias, de lendas e mitos. Nesa andaina decatámonos igualmente como anda a relación da paisanaxe coa súa paisaxe. Nada mellor pra facelo que acompañados e no primeiro fin de semana de xullo sumarse ao Encontro Monte Pindo que organiza a asociación Pedramar do mesmo núcleo do Pindo: veciños de todas as idades, xente do traballo, agradecida á vida e aos seus, que saben o que significa esa ascese que parte da praciña da Solaina, presidida pola casa dos Polas, agora pechado cine de ilusións que trepa por vellos camiños perdidos, testemuñas mudas de historias acontecidas, esvaidas entre brétemas e medos, das que algo contan eses vellos de acentos esbarradizos de mar e gheada. Cousas dos devanceiros, contos de vida e fábula de lareira. Escenarios visitados no 1924 pola americana Ruth Matilda Andersón, quen, acompañada dos seu pai Alfred, fotografou e recolleu fotos de fotógrafos locais sobre estes lugares e xentes para a Hispanic Society of America de New York, comandada polo hispanista Archer Milton Huntington.

Fomos e seguiremos indo organizadamente á cima da Moa, farémolo co respecto que merecen semellantes altares, do mesmo xeito que ían os antigos, en procesión, aprendendo a desprenderse de todo o que pesa, tamén dos egoísmos, sabendo manter o ritmo, acougando de vez en cando, para cavilar nun e no cosmos que nos arrodea.

Manda a pedra rosa, as formas en devalar, a medida das perspectivas, das luces e das sombras, xigantescas penedas labradas polo tempo, pola conxunción dos Catro Elementos:vento, auga, terra, sol.

Aínda queda xente como Gilberto Caamaño Lado e a súa compañeira, Natividade, que viven o seu Pindo, saben e contan lendas, historias escoitadas e vividas: de covas pra fuxidos, de chans e brañas para o pastoreo, de fontes, de vellos camiños, de aventuras e desventuras a través do monte. Historias tristes en anos de guerra, cando os fuxidos voltaron ás vellas covas que xa coñecían dende a infancia e tomaron o monte e a pedra como colo materno no que acollerse. Valíanse dun idioma propio: cando as sábanas brancas e as velas das barcas se tendían sobre as campas verdes da beira da praia, era que algunha ameaza militar rondaba. Mesmo entre as fendas das penas, en lugares insólitos do alto do monte, temos atopado vellos espellos, seguro que pra avisos. Escoitamos historias como a do líder republicano local Marrolas, desaparecido, dis que morto e enterrado no monte a de Caamaño, sempre na compaña da súa cadela Libertas, apresado e alí mesmo fusilado. Aproveitaron covas como a dos Morcegos, a auga limpa e fresca da Fonte de Mateo, que aínda hoxe nutre ao lugar. Camiños da Braña e do Portelo, dos vellos pegureiro, os que vivían no monte ao coidado das bestas bravas. Vieiros dos peregrinos a santuarios paganos dificilmente cristianizados, como o de Penafiel. Camiños de amorados, de fuxidos que preferiron o exilio, outros desapareceron deixando desacougo nos seus. Incluso décadas despois, algún pobriño bárbado apareceu de esmolante por alí para confundirse cun retornado e deixarse levar, ate descubrirse a súa verdadeira identidade. Historia da Casa da Liracha, ergueita, esculcando a Praza da Solaina, preto do lugar no que houbo unha pequena capeliña adicada a San Pedro, santo sempre en relación coa cristianización do culto ás pedras, abrindo a vellos camiños do monte, casa que se dicía feita coas pedras da vella capela que cristianizaba a Moa,hoxe pardiñeiro, do que foi farta e ben traballada lareira, aberta ó ceo, ó loureiro e ós animais do monte, con propietarios perdidos na emigración riopratense, un dos camiños preferidos.

O celebrado padroeiro do Pindo é o San Mamede que compite co San Clemente, aquel venerado en moitos montes de Galicia e que as lendas din se acompañaba dun cervo, quizais a cristianización dun Cernunnus céltico. Cada lugar co seu topónimo e detrás del a súa historia: a Pena Cabalgada, a que no pasado os veciños tentaron derribar, por sorte sen éxito; a Pedra do Sino, cara á que emproaban as barcas para entrar no porto do Sinal (sinus en latín), arribada que deixa a unha banda o Fornelo, perto da antiga fábrica de salazón que foi da familia dos Cegos.

Debe asumir a administración, local, provincial e autonómica a significación integral, biolóxica e cultural deste parque, entre os primeiros a protexer: as dificultades e os riscos que implica deben previrse, para evitar gastos innecesarios (vandalismo e atentados contra a natureza, grafitis, lixo, incendios, perdas, accidentes e o conseguinte movemento de rescate helicópteros, etc). Como no mundo civilizado non debera permitirse o movemento polo monte sen guías ou permisos autorizados, nin fóra dos sendeiros que aínda cumpre abrir. Pola contra, talláronse árbores, puxéronse innecesarios paneis informativos, bancos e mesas, dos que xa, nun tris, se encargou a meteoroloxía e o forte vento imperante, o mesmo que labra as penas con esas formas caprichosas.

Nada mellor que educación sobre o monte: hai varios e bos libros, artigos feitos por coñecedores, como o do lembrado Xosé Barreiro Barral, pai do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, que aquí nesta beira mar ten casa; os dos amigos Pedro Marfany Vilarassu, namorado destes montes, ou máis modernamente, Alonso Romero ou Pepe Galovart, dedicados á Arqueoastronomía, analizando altares en relación cos solsticios e os equinoccios das estacións do ano que tanto inflúen na vida.

Subida á Moa que parte tras a pequena Igrexa do Pindo, ao pé da estrada, para ascender por un carreiro estreito, entre loureiros e figueiras que denotan a presenza de vellas construcións abandonadas, algún pequeno muíño para axiña sentirnos vixiados por esas pedras con formas de xigantes esculcantes e restos do pasado, entre os que está o Pedrullo, que así se lle chama ó amoreamento de cachote que conformou a torre dos tempos do bispo de Iria, Sisnando, século X, dedicada a San Xurxo, santo cabaleiro, como o ansiado Arturo. Fortaleza vixiante contra razzias musulmáns, normandas, guiadora de naves de cruzados do norte, baluarte que atopa o seu declive dende a metade do século XV, coas loitas irmandiñas. A meteoroloxía encargarase do resto. Algún epígrafe, a marca da cruz... e moito aínda por investigar. E nese xeito ascético, case de viacrucis, damos coa peneda que din de "Onde se adora" en relación cun dos antigos cultos pagáns ás pedras. Lugares que na súa viaxe do 1749 menciona o Padre Sarmiento; segue o Outeiro do Nariz, co nome que delata a súa forma, o acolledor Chan das Lamas , apropiado para o pastoreo, como o Chan de Lourenzo, campa con topónimo que puidera ter relación con Louro, como lugar elevadouro, con vestixios de explotacións mineiras de volframio dos anos corenta e así pois novas historias, a pétrea formación como un xigante que abre paso "O Guerreiro" e novas viravoltas ate chegar a uns valados ciclópeos, nos que as lendas falan da "Tumba da Raíña Lupa", máis seguro eran muros para controlar o paso do gando do monte, das bestas bravas, cabalos, vacas mostrencas, pericas, covas de pegureiro, con vestixios de todo tempo, nunha delas atoparon unha xerriña datada no século XVI, hoxe no Museo do Pobo Galego. Entre esas historias chegase ó alto da Moa, 627 metros sobre o mar, coas pozas de formación natural, con auga, á que dan propiedades sanadoras para os males da pel, algunha cruz labrada e iso si a mostra do vandalismo e a irracionalidade contemporánea, os grafitis, pintados e tamén labrados algúns colectivos ate montaron con cemento bandeira e cruz das que o vento se encargou axiña.

O Monte Pindo é un universo xeolóxico, biolóxico, arqueolóxico. Por algo o seu carácter sacro, de Olimpo en todo tempo. Faro para os navegantes, altar, vixía, refuxio, campo de pastoreo, mineiro, labirinto de camiños perdidos que soben, baixan: a Cova da Xoana, ou mellor sería da Xana, por iso das fadas que así se chaman no folclore do norte peninsular, sedutoras e loiras mozas, señoras dos montes, das covas, das fontes, gran burato que fura o monte granítico e deixa pasar o sifón do vento, onde hai restos de muros de vellas construcións... Pérdense os camiños entre o toxos, as xestas, a carqueixa, máis abaixo carballos ananos, endémicos, bosques de pereiros silvestres nas beiras do arroio, bestas bravas... e as encostas que levan ó altar de Penafiel, con esas inscricións e cruces medievais, prohibición de cultos pagáns naqueles castelos. Abaixo a solprendente fervenza do Xallas, onde se di se atopou un medallón, fotografado e hoxe desaparecido, en forma de roseta, repartido en seis partes, máis unha central, cada unha con cada súa cabeza de ave, ate sete, en alusión á constelación das Pleiades -estrelas que cando aparecían, en maio, era tempo ideal para a navegación- orientalismo equivalente aos sete pitos das lendas, aos sete planetas, tema representado no medievo e moi semellante nun tímpano do século XIII da igrexa de Santa María do Castell, Cubells, no Segre de Lleida. Un vello camiño de pedras ciclópeas zizaguea, pérdese, reaparece e por unha anterga ponte de poldras leva á aldea do Fieiro.