Gustaríame cambiar de casa e teño unhas ganas tremendas de que chegue o día 3 de novembro. E a nós que, dirán. Explícome: a casa que teño é máis que axeitada para a unidade familiar que copresido, e é a que podemos ir pagando, pero se en lugar de ter responsabilidades nunha unidade familiar as tivese nunha administración pública, faríame con outra ben máis grande, na que me entraran os libros todos e me sobrara sitio, mesmo para estrear por fin a bici. E o día 3 teño programado un voo desde Lavacolla, e así poderei gozar da nova terminal do aeroporto compostelán, esa que a retórica provinciana denomina, en imaxinativa alusión á do aeroporto de Barajas, nuestra T4.

Claro que nuestra T4 custou uns 210 millóns, que para os que pagamos hipotecas de casas para unidades familiares poden parecer moitos cartos, pero non son nada en comparación cos 7.000 millóns que custou a T4 orixinal. E ademais, nós non temos unha nova T4, senón tres, como corresponde á nosa idiosincrasia, que ata a Administración central respecta e recoñece. As outras dúas novas T4s, as de Alvedro e Peinador, xa as coñezo. A coruñesa é todo un monumento ao aire libre. Non quero dicir que sexa un monumento que non está a cuberto, senón que é un canto ao espazo baleiro. Fóra ten unha explanada descomunal, que non sei para que foi pensada, pero si para que sirve: para coller un catarro mentres vas coller un taxi ou o coche ao parking. Tamén é un monumento ao aire libre porque a 500 metros está, completamente baleiro e sen uso coñecido presente ou futuro, o parking que fixeron mentres se ampliaba o vello, agora o novo. De Peinador o que mellor coñezo é precisamente o novo parking. A última vez que estiven, para recoller unha cuñada, a recollida comentoume educadamente que nos levou case tanto tempo saír del como lle levou a viaxe desde Madrid, pero recoñeceu que se mareou menos. Como creo que está previsto ampliar as terminais, supoño que aproveitarán para facer algo con eses problemas (agardo que non sexa buscarlles compañeiros). Se lle atopan unha solución ao parking sobrante de Alvedro, quizais se poda aplicar á terminal sobrante de Lavacolla.

Como non entendo nada de sistemas aeroportuarios, fíome de que as T4s, tanto a de Madrid como a de Compostela, eran imprescindibles para o progreso de España e de Galicia e viceversa. O que non me cadra é que dos máis de 12.000 millóns de débeda dos aeroportos españois, 8.000 corresponden aos de Madrid e Barcelona, cando é obrigado pasar por eles para ir a calquera lado. Non é raro que o Goberno tivera que suspender a súa venda por falta de compradores. E a nosa T4 pode atender nunha hora a tantos pasaxeiros como os que usan a diario Alvedro ou Peinador, e espera recibir (ou despedir, digo eu) 4 millóns de viaxeiros ao ano. Está ben ter esperanza, pero a realidade actual é que os que recibe (ou despide) non chegan a millón e medio. Como as outras nosas terminais tamén poderán acoller a máis pasaxeiros, e o AVE poderá transportar a unha chea de xente, imaxino que a solución para satisfacer tanta oferta viaxeira será que a futura alcaldesa de Madrid, Ana Botella, obrigará a todos os censados alí a peregrinar mensualmente a Compostela, a Xunta meterá todo que aforra en servizos públicos en operacións Retorno, e o futuro goberno amigo central decretará que as xestións se teñan que volver a facer na capital de toda a vida. E todos -devotos das infraestruturas, das tradicións relixiosas, dos reencontros familiares e da recentralización- contentos.