Morreu Nelson Mandela, como saben todos os que teñen interese por outra cousa que non sexa o sorteo do mundial. Aínda que sempre hai quen, nese labor de informar, formar e entreter que se atribúe ao periodismo, vai máis alá e fusiona as seccións e os públicos de sociedade, internacional, política e deportes con titulares como este de La Razón: "Mandela, el hombre que llevó a Sudáfrica el mundial que ganó España". Máis ou menos, como se LA OPINIÓN titulase "Mandela, o histórico presidente dese país onde está Capetown, a cidade que lle deu título ao disco Capetón de Os Diplomáticos de Monte Alto", ou Faro de Vigo indicase aos seus lectores que o falecido era "O liberador dese país onde os primeiros barcos conxeladores pillaban pescadas como homes a finais dos anos 60".

Ben, Nelson Mandela, a maiores de todo iso é un símbolo da paz, incluso da Paz, e mesmo da PAZ. Tanto que outro dos símbolos, o Dalai Lama, dixo del: "Non hai ninguén máis grande ca el vivo no planeta neste momento. - soamente no seu caso atopei que a persoa era maior que a súa reputación". Pero antes de ser un home de paz, fixo a guerra. A guerra contra a inxustiza, pero a guerra. Membro do Congreso Nacional Africano (ANC), en 1961 converteuse en comandante da súa organización armada, Umkhonto we Sizwe ("Lanza da nación"), que desenvolveu campañas de sabotaxe contra obxectivos militares, gobernamentais e civís. Por esa razón, cualificábano de terrorista non soamente o goberno de Sudáfrica, senón tamén a ONU. - non soamente non remotos anos 60. En 1985, Mandela rexeitou a súa liberación a cambio de renunciar á loita armada. Incluso a súa terceira muller e actual viúva, Graça Machel, foi a esposa doutro terrorista que chegou a liberador, o líder da Fronte de Liberaçao de Moçambique (Frelimo) e logo presidente desa excolonia portuguesa, Samora Machel. Nos anos 80, as xuventudes conservadoras de Maggie Tatcher decoraban os salóns dun congreso do partido cun cartel que rezaba: Colgar a Mandela e a todos os terroristas do ANC: son uns carniceiros. O Congreso dos EEUU tiña a Umkhonto we Sizwe na lista de organizacións terroristas estranxeiras e Mandela aínda aparecía nos seus arquivos de persoas conectadas co terrorismo ata 2008. Nelson Rolihlahla Mandela, chamado honorificamente Madiba é un deses exemplos de terroristas que deixan de selo se ganan.

Pero non só niso. A diferenza está na calidade humana. O texto fundacional do ANC que el inspirou xa tiña en 1955 máis espírito conciliador que un debate nunhas eleccións municipais aquí: "Sudáfrica pertence a todos os que viven nela, aos brancos e aos negros, e ningún goberno pode pretender o exercicio do poder se non o recibe da vontade de todos". - sendo xefe da organización armada dese partido, preso 27 anos nunha cela de dous por tres metros, consideraba que foi o apartheid o que fixo malos aos homes e non a maldade a que creou o apartheid, porque ninguén nace odiando a outro porque teña un color de pel distinta. Está claro que moitos que enchen de eloxios e reivindican hoxe a súa figura deberían pensar que en ocasións o silencio é o discurso máis apropiado e menos inoportuno.