Xa vai pra dous mil anos que o romano Silio Itálico escribía que os galaicos entoaban cancións "rudas" no seu idioma, golpeando os escudos, petando cos pes no chan e acompasados das cítaras... Por aquí endexamais faltou esa ansia de cantar, para apagar penas, celebrar ós deuses, ós vivos, lembrar ós ausentes e laiar ós defuntos. Moito despois, no século XII o Códice Calixtino, feito para propagandizar Compostela, á súa catedral e á liturxia do Apóstolo, ofrece os primeiros rexistros polifónicos e o inicio da música culta en Occidente. Compostela era un referente. E tan esencial era nun templo o altar como o órgano e o coro. A música, como banda sonora das liturxias estaba na misión dos mosteiros, das parroquiais e santuarios, nos que non faltaba órgano nin organista, nin músicos con chirimías, clarinete... e sempre no rural o pandeiro, a gaita... na taberna o acordeón... Somos un país de músicos, que iso significa moito na socialización. Por algo labrada na pedra esa mensaxe de ascese que vai do Caos ó Cosmos, na fachada occidental da catedral de Santiago, co Pórtico da Gloria, no que o Xuízo Final coroase polo coro dos vintecatro sabios anciáns do Apocalipse, glorificando nun Concerto de Fin a Principio.

"Galiza é un dos pobos peninsulares mellor dotados para a música... Galiza canta sempre", escribiu Luis Seoane, ¿quén o diría hoxe? fronte á Andalucía, omnipresente en canta algarabía haxa, televisiva ou non, fábrica de cantaor@s e guitarras. Pois si, Galiza ten unha fonda raigaña musical, poesía mesturada con sons instrumentais e voces. Temas máis aló do asunto relixioso, que van do nacemento á morte, os "Lalalas" ou "Álalás". A vida ofrece motivos para cantar ou esconxurar, magoas e ledicias ás que sumar voces e instrumentos. Abondan os temas profanos, con tradición medieval, Cantares Galaico Portugueses, de Amigo e Mal dizer, tanto da cultura cortesán como popular, os que colocaron a Galiza na cima lírica do medievo, acordes coa arquitectura e coas artes de entón.

Xa se cantou máis do que se canta hoxe: cantábase e asubiase, petando a ritmo no que fora, na mesa, na porta, nunha lata de pemento, nun pandeiro, coas chaves, cun morteiro, cunha culler rastreando una botella de anís, unha cuncha ou cos mesmos instrumentos do traballo... Cantábase nas tabernas, na sega, facíase a ritmo co golpe dos mallos, dos mazos dos ferreiros, os canteiros cos sons da maceta e do cicel, os albaneis? un improvisado piropo trocábase nun canto e nun retrouso. E poucos países, como Galiza crearon e mantiveron con dignidade competentes bandas de música, agrupacións de gaiteiros, orquestras e sobre todo corais, sumando voces de homes, mulleres, mozos, nenos de todas as procedencias e de todos os traballos, entregando horas en ensaios, creando arquivos, facendo historia neso de conservar o idioma e as tradicións, músicas populares ou de grandes compositores nosos, sumando outras. Hoxe, a pesares de tantos adiantos, non se canta tanto, as corais están en crise, tamén os organistas e conseguintemente os órganos, os que non faltaron para o prestixio das parroquiais e dos santuarios, delicados encargos a importantes construtores de dentro -que tamén os houbo e quedan nas arqueoloxías- como incluso a artesáns do estranxeiros. Os órganos volven a caer no esquecemento, a súa ensinanza non se prima neses conservatorios de música dos que presumen vilas e cidades.

Terra de grandes músicos, musicólogos e folkloristas, dende os románticos do Rexurdimento, Pacheco, Marcial del Adalid, Canuto Berea, Xoán Montes, Pascual Veiga, Baldomir, Andrés Gaos... no século XX don Xesús Bal y Gay, autor do Cancioneiro Galego até bo noso tempo, o Padre López Calo, que, alí por onde pasou creou escola de investigadores con alumnos como Carlos Villanueva ? buscando letras e músicas, xeitos de cantar, reconstruíndo eses antigos instrumentos representados nas artes, para seguir a recrear e velaí os logros de Roxelio Groba, de Fuxan os ventos, da Quenlla, páxinas ás que sempre volver. E aínda músicos vieneses do século XVIII, como Willibald Cristoph Gluck, premozartiano e prewagneriano inspiráronse en temas galegos, anota Luis Seone.

O invernal tempo do Nadal, que pecha e abre, faise propicio ás soidades, ó entrañable, a cantar, e cántase solidariamente en improvisadas corais, noutrora de porta en porta, pedindo unha compensación, o aguinaldo. Tanto abondan as músicas que os cantares galegos para o Nadal divídense en función do tema e das datas: romances, panxoliñas, arrolos, de aguinaldos, despedidas, xeneiras, manoeles, cantos de Reis, a fuxida a Exipto ou as entradiñas do Aninovo, da noite do santo mago San Silvestre, coas que saír a ruar, a facer falcatruadas, a repetir as trasnadas das noites do San Xoán e dos Inocentes. Noutrora noite de lumeiradas na eira, nos castros... rituais pagáns, priscilianistas cos que non se puido, pese a ser declarados ilícitos polo Dumiense e en concilios. Noite agora de smoking e picos largos, cando non de disfraces nun novo Entroido, arredor das doce campanadas. Cantares de noutrora, algúns dos que se encetan cunha "licenza"... e desexan ben, á espera do aguinaldo, para despois argallar festa. "Ano novo, ano novo"/Ano de luz e ben/Que vosté así o vexa/e todos nos tamén", até esas forzadas churrusqueiradas de "paveros" que coleccionaba e que tanta graza lle facían a Manuel María: "O Fillo de Deus naceu nun pesebre/ onde menos se pensa salta a lebre". Abundante repertorio, recollidos por Filgueira Valverde, Lapa, Álvarez Blázquez, Xocas, Fraguas, Amado Ricón... "Panxoliñas" que se din derivar do pange lingua (canta lingua), himnos creados por Tomás de Aquino no século XIII, para honrar a Deus, cantares propios dos coros de anxos da Corte Celestial, fronte ós vilancicos, retranqueiros cantares de viláns, da rúa, herdeiros das cantigas de escarnio e de mal dizer, nas que se mestura a leria coa glorificación, aínda por riba do que xa lle toca, sendo diana das lerias o "pobre de San Xosé", a burra e o boi e algún pastorciño retrasado. Cantares que suman a intervención culta, de grandes mestres anónimos, co aporte popular, como as grandes obras de arte. O saber lírico e musical dun crego de seminario, sumado á intuición rítmica dun deses improvisadores de taberna, afeitos ós retrousos que marcan un cantar.

Deica agora, non houbo poeta, nin músico galego que non ensaiara crear un vilancico, un arrolo, máis a tradición devece, quizais pola teimosía de fender co herdo relixioso, a pesares da súa grandeza de agasallar á humildade, un nacemento, a uns reis que se axeonllan, ós anxos que baixan do Ceo, folión panteísta no que se canta e baila arredor dos Catro Elementos. Temas que inspiran todo Renacemento. E sendo a nosa unha cultura de encrucilladas, de portos, de arrieiros, de emigrantes, levou, trouxo, deu, recibiu e acolleu, galeguizou ou castelanizou, irlandesizou... Así espallouse polos eidos da emigración galega a idea do Neno como rillote "galeguiño", a Virxe como unha peregrina, e mesmo o caviloso San Xosé como un carpinteiro aldeán... e a través deste xeito de expresión toda unha radiografía do acontecer histórico. Patrimonio inmaterial, que aínda na Longa noite de Pedra, resistiu nos colexios, na Sección feminina, nos Coros e Danzas... Cantares na voz deteriorada dos vellos, nos manuscritos, no subconsciente e que quizais florezan por algures.

Agora os nenos e os mozos dedícanse a darlle ó maquinillo dixital, educándose en todos os tics maniáticos e consumistas. Mandan os medios, os plasmas meten polos sentidos mensaxes globais e soterran vellas e tímidas tradicións. Nos centros comerciais, nas rúas e furando pola casa o "beben y beben y vuleven a beber?", tamborileiros, "campana sobre campana", la Marimorena, Silent Night e todo tipo de Merry Christmas and happy new year que tamén se reforzan na escola.