A estas alturas, a noticia política do momento debe ser que Pablo Iglesias e Ada Colau quedaron pechados nun ascensor do concello de Barcelona. Por un lado, o ser humano é un ser narrativo, unha esponxa á hora de asumir todo o que teña a construción dun relato, e por outra, informarse de verdade é un proceso que require esforzo. Así que o selfie de Iglesias e Colau atrapados no elevador, e a súa correspondente difusión mediante as redes sociais, convértese nun feito político, que para uns servirá como unha proba máis da frescura da nova política, e para outros a enésima demostración de que a radicalidade empeza por non gardar as formas. Nun caso e noutro, temos que o mundo xa non o move a loita de clases de Marx ou a man invisible de Adam Smith, senón a maquinaria dun ascensor e as súas incidencias.

Non é de estrañar, dado o nivel da política clásica. Unha deputada socialista preguntou no Congreso polas viaxes do can do ministro do Interior. Non é un trato irrespectuoso, é que o ministro, Jorge Fernández Díaz, ten un can, ou máis exactamente unha cadela, Lola, e a deputada Pilar Grande, outra, que lle presentou ao ministro, e de paso a toda a cámara baixa española e prensa acreditada, de paso que lle facía a pregunta: "Permítame que le presente a Kira que como muchas mascotas es miembro de mi familia y cuando viaja lo hace en el transportín, en la bodega del avión y previo pago de las tasas. ¿Puede garantizarnos que hace lo mismo con su perra Lola?", díxolle, ao tempo que lle mostraba unha foto tamaño folio da súa parente canina. "Si este es el nivel del control al Ministerio, es como para preocuparse", contestou o ministro. E non hai outra que estar de acordo con el, aínda que preocupado seguro que non estaba, con todo o moito que lle hai que preguntar ao responsable de Interior, desde a situación nos CIEs (Centros de Internamiento de Extranjeros) ata os recorrentes excesos policiais. O ministro, que non sabemos que relación ten con Lola, se familiar ou amo-can, pasoulle encantado da vida copias das facturas do transporte do bicho a un xornal, grazas ao cal sabemos que o billete de Barcelona a Madrid en AVE sáelle en 34,70 euros ou 26,70 euros.

Pode levar a risa, pero eu non o tomaría moito a broma. Neste país, dun grao de area faise un monte, e a un monte dáselle a importancia dun grao de area. Por unha mamarrachada de chistes de barra de bar cos que hai catro anos pretendía expoñer que na expresión non debe haber límites, a Audiencia Nacional, ese tribunal excepcional e extraterritorial, impútao por exaltación do terrorismo. Ao músico César Strawberry, tamén imputado na operación Araña contra xente desaforada en Twitter, o fiscal preguntoulle polo contido dun retuit, é dicir, por redifundir unha mensaxe allea, sobre a conveniencia de levar unha camiseta coa cara de Miguel Ángel Blanco, o concelleiro de Ermua asasinado por ETA. O fiscal non tiña por que saber que cando Blanco estaba secuestrado, Strawberry actuaba nun festival presidido por un enorme lazo azul en solidariedade coa vítima, aínda que debería asesorarse e coñecer de que nesta rede social, retuitear pode significar tanto estar de acordo como exactamente o contrario.

Pero estas, esas e aquelas son as mans nas que estamos.