Omonte é icona da cultura galega e a cultura é o que os seres humanos cultivamos harmonizando tradicións e innovacións. Neste cabo do mundo pínchase a metade da madeira de todo o Estado e conseguintemente aquí deberan moverse, de xeito integral, as industrias de transformación da madeira, pero iso xa resposta a comenencias de poder, dos gobernos. O sector asume que aínda hai moito que facer entre todos en materia preventiva do monte, coordinación, mercado, presenza en feiras, difusión, educación... Non ven mal mirar a toda a historia, ao que soñaban Bóveda e Castelao sobre unha terra farturenta e en paz, a que, entre moitas outras fontes de riqueza, terá como símbolos a santísima trindade, da árbore, a vaca e o peixe. "O día que nos decatemos do que val un árbore, aquel día non teremos necesidade de emigrar". Saber estas cousas, fortalecer as raiceiras é abrir ramas ao futuro.

A madeira está na orixe, constitúe a nosa mesma orixinalidade e con ila todo un sector que abrangue aos madereiros, a unha industria de aserradeiros tradicionais, con serranchíns de macheta e serra, tamén anovada, aos fabricantes de chapas, fragueiros construtores de carros, carroceiros, estaleiros, zoqueiros, carpinteiros de lapis na orella, artesáns de man fina, imaxineiros, escultores, ebanistas, até feretristas que lle dan sona a núcleos.... e resultante tamén a distribución, transporte, pra nós co privilexio dos portos. Así é que vivimos nunha permanente Idade da Madeira, a que superou ás Idades da Pedra e dos Metais que clasifican a Arqueoloxía. Confíns de bosques que cobren un pasado de mámoas, de castros, de vilas romanas, de igrexarios e castelos, de pazos, lugares e casas, solemnes ou humildes estruturas, obras de milmañas ou mestres construtores que souberon artillar a pedra e a madeira para ser escenarios do acontecer. Fragas, carballeiras, soutos, amieirais... catedrais da natureza, acolledoras de fontes e animaliños, bosques animados, envoltos en lendas de cervos, lobos, mouras, xianas, fadas, trasnos, magos e meigas e mesmo de históricos seres do camiño e da aventura, mitificados despois, o Apalpador do Nadal, Pedro Madruga, Pepa Loba, Foucellas...

Leñadores, serranchíns, carpinteiros, persoeiros imprescindibles no rodicio da vida tradicional galega, os que sobreviviron a tanta noite e á emigración, de vixilia sempre, asexando contra os seus inimigos, a treboada, o lume, a inconsciencia... Fábricas de madeira que coutaron a vida de moitas xeracións, aproveitando o poder do río, movidas por noras de madeira a xirar, despois pola electricidade, vestixios de arqueoloxía industrial merecedora de atención para a súa conservación, rodeadas de pilas, cubos de táboas de madeira que para os rapaces eran como torres de castelos erguidos ao ceo, moreas de barrotes... e no centro, onde a temida serra desafiaba aos dedos da man, os montóns de po das serraduras, o solicitado serrín, as virutas... Fábricas preparadoras da materia prima para carpinteiros populares que buscan a funcionalidade, a dureza, a estética en cubertas, faiados, bodegas, sobrados, solainas... con bigas, cimbras, ripios de xustas medidas, aplicando segredos nos ensambles, encaixes, empalmes por medio de tarabelos, no saber agargalar, artillar, facer e usar as colas... Esmerados carpinteiros do moblaxe, de escanos, tallos, mesas, artesas, arcas... leitos, berces... e os máis finos, os que recibiron cotizados encargos de ricachos indianos, balaústres, chineiros, aparadores, armarios... que se esmeraron en exóticas madeiras pra ser reclamados como emigrantes e trunfar en Cuba ou en Bos Aires como habilidosos ebanistas. Historia, cultura que non acouga, hoxe atendendo a necesidades que xa non son locais, afiando o maxín e ofrecer o que non fan outros, por exemplo parques infantís de carácter ecolóxico, mobiliario e paseos... Esprémense as posibilidades de cada material e produto, estúdase o deseño, as novas estratexias na comunicación, na mercadotecnia, a actualización de catálogos e a internacionalización, poñendo a proba esa capacidade para competir que comeza polas fondas raiceiras culturais. Os promotores, construtores, arquitectos, queiran ou non están mergullados nunha cultura, tamén coas cicatrices dos golpes da aculturación, sobrevindo a gloria dos antecedentes, a orixe, a distinción, a marca, ese propio control de calidade.

O Clouster da madeira e do deseño en Galicia subliña hoxe que non é unha patronal, que une a traballadores do sector, en alerta sobre os retos, asumindo a necesidade de atender á profesionalización, á mellora dos procesos de produción, a experimentar, a enfrontarse e a competir coas organizadas e sedutoras multinacionais globalizadoras (Ikeización), a analizar os éxitos dos modelos nórdicos. Atentos tamén aos novos mercados, China, Rusia, Latinoamérica, árabes... coa conseguinte revisión de circunstancias sempre cambiantes. Denuncian que compren eliminar os lastres, efectos da aculturación, peneiralos, como o leirismo, problema endémico, non existe unha fronte común a problemas comúns, moitas fincas de propietario descoñecidos, renuncias ás herdanzas, abandono... busca da reforestación racional, equilibrada coa tradición, constancia no mantemento do monte e na prevención do lume, a comercialización cavilada para a construción... proceso integral na fabricación do papel... Como proba os aserradeiros galegos pecharon no 2014 con case trescentos millóns de euros, a industria do taboleiro e pasta cuns setecentos millóns, os rematantes cun catrocentos millóns, boas cifras e perspectivas para un tempo de crise integral.

Namentres os gobernos, que son demasiados, dende os locais aos estatais, semellan seguir atoldados polo tufo dos botafumeiros das burocracias multiplicadas, da reunión pra seguintes reunións, así que entre esas retóricas aínda non encetaron a planificación da lexislación, da propiedade dos bosques, da súa xestión coordinada, da prevención continúa de perigos naturais ou provocados, o temido lume, asuntos que nunha democracia presupoñen consensos. Confemadera Habitat Galicia ou Fearmaga (Federación Empresarial de Serradores e Rematadores de Madeiras de Galicia) si son patronais, con representación de máis de tres mil empresas de transformación da madeira e do moble. Todo un camiño andado, pasado, presente ao que debe mirar unha universidade con ansias de futuro.

As grandes capitais do moble galego, a Estrada, Sarria e os concellos madereiros como Oza-Cesures, Curtis, A Capela, Cerdido... teñen grande historia, experiencias acuguladas tras si, as que merecen contarse e comprobarse. Na Estrada, a partir da Guerra Civil Mobles Garrido e María Fernández Otero fabricaron os característicos e tan solicitados leitos torneados en bidueiro, moi imitados noutras partes. Como exemplo posterior a especialización na restauración e reprodución do moble antigo en Sarria, incentivando todo un sistema de levar traer, estimulando a produción e o comercio. Historia que merece contarse, máis alá da lección preliminar do Museo do Pobo Galego: os diferentes tipos de madeira, de instrumentos, os bancos cos serróns e serruchos, cos cepillos, as gubias, as garlopas, trenchas, limas, macetas.... modelos de cornixas, balaústres, molduras, motivos decorativos tradicionais...

Sen o sistema métrico da cultura non se saberá diferenciar o valor do prezo. Non val calquera cousa, asuntos nos que teimaba Díaz Pardo diferenciando a produción de Sargadelos doutros campantes sucedáneos, sen cultura tras o que fan e ofrecen.