Andas polos 15 ou 17 anos e non sabes que facer? (non agora, senón en xeral, na vida). Non che presta moito estudar? Pensas, como JohnnyRotten (un vello, mira na Wikipedia), que no future? Pois, aínda que pareza mentira, quizais o goberno teña a solución. Unha FP básica de Tauromaquia. Un par de anos facendo que fas, e logo unha saída laboral que, aínda por riba, é no sector do espectáculo: banderilleiro. E se non che presta o das banderillas, podes aspirar máis alto: picador. Ou mesmo matador. Iso si, de novillos. Pero por algo se empeza. Supoño que en canto teñas un número de TRB (Toneladas de Rexistro Bovino) banderillados, picados ou matados, xa subes de categoría, aos touros de 500 cc. E se non, o carné tamén che serve para peón agropecuario ou pastor.

Son dous cursos, 2.000 horas de formación, 10 materias. Fas o paseillo con Lidia y Liturgia Taurina ("Litu", chamaranlle, seguro) que é na que se aprende iso de desfilar ao comezo, a historia do toreo (a tal Lidia) e como recoñecer aos touros e tal. Logo están as que teñen toda pinta de ser un puro, ou como se diga agora: Las suertes del toreo I e II, nas que hai que acadar as aptitudes de "seleccionar, limpiar y conservar los trastos para torear, saber lo que es un capote y cómo se dobla, conservar bien la espada y limpiar con eficacia el descabello". Parece sinxelo, pero hai cousas que lle deben roncar o nabo, como "Aplicabilidad del axioma en la suerte fundamental de la verónica", ou "La pureza como base del toreo de muleta".

Por se o destino ou os señores do habano non te levan polo camiño da torería, tamén ten as saídas de peón agropecuario e pastor. O currículo inclúe "recoger la producción de la explotación ganadera" (muxir as vacas, vamos) cunha mención ás "precauciones en la retirada de materia orgánica" (mira onde pisas). A maiores, para que a formación sexa completa e non se diga, hai unha cousa que se chama Ciencias Aplicadas, na que se dan rudimentos de matemáticas, física, química, etc., con contidos curriculares como "analizar los aspectos positivos de la energía nuclear" (os negativos deben ser para FP Superior) ou "aplicar las leyes de Newton en situaciones de la vida cotidiana" (se soltas algo no aire, como por exemplo, un touro, cae, ou sexa que non poñas o pé debaixo). Tamén hai unha Cultura General de Letras que non quero nin imaxinar en que consiste.

Eu augúrolle un tremendo éxito a esta nova liña educativa. En que outro lado hai unha FP para ser famoso? Moitos xa se ven nos programas do corazón, enrollados con artistas nas portadas. E xa postos, por que non unha FP de copla española, que democratice e popularice o xénero, agora reservado a poucos que acceden aos concursos de TV? E cursos de gorrilla aparcacoches. De hermano cofrade portador de pasos de Semana Santa. De iba yo de peregrina y me cogiste de la mano. E por que a Xunta non se espile e ofrece FPs de aloitador, de fogueteiro, coa demanda que hai? Ou un curso de vello mariñeiro, con formación e localización doutros tres e dun bote, con prácticas de localización e avistamento de San Roque. Acheguemos a educación á sociedade real.