Cando o musicólogo Xesús Bal y Gay escribe o seu ensaio Hacia el ballet gallego, pon sobre a mesa a necesidade de recuperar o inmenso tesouro da música e do folklore popular de Galicia para vestilo, por dicilo dalgún xeito, de frac. Os ballets rusos de Diaghilev tiveron moito que ver no espertar deste sentimento nos intelectuais da xeración de Castelao ou Pimentel, faltaba a todo isto unha dedicación organizadora dun artista coreógrafo que convertese en danza e que levase ao escenario este soño, faltaban as persoas que o fixeran realidade. E esas persoas chegaron. Di o pintor Luís Seoane, nunha dos sus escritos para a audición radial Galicia emigrante, emitida desde Buenos Aires: "José Manuel Rey de Viana e a súa esposa Victoria Canedo, conseguiron en moi poucos anos e logo de épocas moi duras que se prestaban ao fácil desánimo, acadar premios notables que lles abriron camiño a á popularidade e ao éxito,entre elas o Premio Extraordinario e Medalla de Prata de Folklore celebrado en Cáceres, e a Grande Placa do León de San Marcos conquistada en Venecia. A partir deste último trofeo o ballet conta con dezanove primeiros premios á súa actuación en cidades de Francia, Alemaña, Bélxica, Suíza Italia, EEUU, etcétera". Son palabras dun humanista e dun artista total como Luís Seoane, o noso Da Vinci do século XX. E escoitado o mestre pregunto: Era necesario, verdadeiramente, era necesario? O Ballet Rey de Viana tiña que desaparecer como o fixo? Levara o nome de Galicia por todo o mundo. Nos anos sesenta e setenta unha morea de bailaríns, de mozos e mozas que nunca saíran da súa terra puideron contrastar a súa arte coa doutros países. É moi posible que as coreografías non se renovasen desde había anos, que a aposta creativa non gozase da forza que tiña nun pasado. Pero é que Victoria Canedo era a sostedora dun legado, o criador era Rey. Ela era a muller que tiña formación clásica e el o que tiña a orixinalidade de introducirse nas danzas tradicionais para criar un ballet que, no seu momento, foi moderno e novedoso. É posible que a arte do Ballet Rey de Viana fose quedándose antiga comparada con outras propostas de danza que estaban a aparecer na primeira década do século XXI na Galiza, porque o antigo se non se converte en clásico, agoniza. Pero no final do Ballet Rey de Viana houbo un algo de revanchismo, de cargarse por ideoloxía un proxecto artístico. Ademais, non puideron agardar a que o tempo fose o xuíz? Como se come que bailaríns e bailarinas que formaban parte do Ballet Rey de Viana quedasen no paro no seu momento porque non valían e, hoxe, formen parte de diferentes ballets e compañías de danza, dos máis diversos estilos e tendencias? Daquela formación non era tan mala. O que é imperdoable é que unha artista, perdida toda ilusión, tivese que fecharse no seu piso da casa de Lugo a agardar a morte. Nunca que se recuperou daquel mazazo. A memoria do Ballet Rey de Vina ficará aí, entre nós, é talmente de nós, parte da nosa historia cultural. Alguén lembrará a conselleira Anxela Bugallo? A política e os seus xestores políticos, pasan. A cultura, non. O malo é que mentres non nos mandamos para casa, cometen danos irreparables. "Bailade coa cabeza!" dicía Anna Pavlova. E iso foi o que pretenderon Rey de Viana e Victoria, que os seus bailaríns danzasen coa cabeza. A cabeciña que lles falta a algúns conselleiros, concelleiros e ministros de cultura.