O malo de como acabaron -se é que efectivamente acabaron - as negociacións entre os partidos políticos para formar goberno non é o resultado final do teórico presunto goberno, PSOE e C's. Dentro do malo, o peor é o xeito de facela, o que revela que por moito que a trapallada instalada na alta política hispana se vista de arte de negociar, trapallada se queda.

O que sempre se di nestes casos, nesta ocasión cadra perfectamente: daqueles ventos veñen estas tempestades. Normalmente, cidadáns e partidos políticos rematan as campañas sen ter unha idea clara de que ofrece cada un. Sendo xustos, quen facía a oferta máis cristalina era o PP: máis do mesmo para seguir triunfando como estaban triunfando. O PSOE poñía no escaparate o produto habitual en tempos confusos: a alternativa, o xaestáben, pero sen moita explicación, e cun candidato de aliño. Podemos and friends, de entrada asaltar os ceos e a ruptura que non se deu conseguido ao morrer Franco, e de saída reformar o sistema e propiciar o cambio (ou sexa, do PCE de 1975 ao PSOE de 1982 en meses). Ciudadanos a veces parecían Ibex de las JONS e, se nos temos que guiar polos de aquí, as propostas eran secretas, ou Galicia tiña unhas enormes posibilidades como plató (en resumo, por programa entendían máis ben os de televisión). Nos demais partidos, en xeral, a consigna era "virgencita que me quede como estoy".

Despois de como gobernou o PP, hai que estar zumbado -ou ser moi mandado e non ter sentido do ridículo- para pensar que alguén vai querer ir de socio con eles, incluso o PSOE ou C's. Logo de tanta proclama de Podemos sobre a inmediata caducidade dos partidos do sistema, non lles debería estrañar que os dous, ou un deles, o PSOE, obre consecuentemente. Para que houbese un pacto de progreso (con C's como ingrediente ou sen el), debería haber nos programas propostas comúns nas que basearse e logo debater as diferentes. Pero só se pregoou a lista da compra de cada un e as diferencias. Falta de práctica, quizais. Probablemente, mais que asumir as conversas con negociadores propios, deberían deixar a cousas en mans profesionais: mediadores de conflitos ou conselleiros matrimoniais. Lamentémonos pola oportunidade perdida, pero recoñezámolo: PSOE e C's son o binomio gatopardiano perfecto. Os encargados de cambiar algo para que nada cambie.

Non obstante, os votos non chegan, e se hai outras eleccións o previsible é que, ademais de que unha chea de xente se quede na casa, os resultados veñan sendo moi parecidos aos que hai en canto ao reparto por bloques ideolóxicos. Iso si, todos serán xa"vella política", e Podemos quizais se converta definitivamente no PSOE de 1982, pero non teño tan claro que no papel de goberno, senón no de principal partido da oposición. Tampouco pasa nada. Ás esquerdas aquí pásalles como a Robert Louis Stevenson cando dicía aquilo de que a nosa finalidade na vida non é ter éxito, senón continuar fracasando co espírito en alto.