Ordinario e erótico semellan conceptos contraditorios, tanto así como groseiro e sensual. Pero conviven, visto o que se ve neste tempo de anódinos xestos. Gran espectáculo no que todo se manufactura e chega á rúa e aos hemiciclos. Semella que ambas as dúas ideas conxúganse en quen ten poder. Ordinario e erótico resultan relucentes virtudes na cúspide das xerarquías neofeudais. A forza do ordeno, mando e canto os arrodea impón. Descaro supino dos charlatáns, que xa non son os de tribuna ou púlpito, son os novos parvos do transistor, os de darlle ao dedo. Eses que, nin tan sequera, sen recibir o curso acelerado do libro de quiosco de estación, cómo hablar en público, aguilloados polo ego, ocupan e empéñanse en prolongar a presenza mediática alongando e enredando as mensaxes entre retrousos nulos, poissssss...... verdadeirameeeenteee, realmenteeeee, dende logooo... e moito máis tras dos xeitos.

Seres extra, estimulados e engrandecidos pola forza mediática, adubada en chocalleiros aderezos, ouropeis, ou pola contra en desprotocolos e antirituais de aparencias que tamén resultan ofrecer atractiva erótica para o gusto de hoxe, o das performances. Non compren bufóns, impera o neoesperpento. Marcan tendencia estes actores que multiplican sucedáneos que os copian no peiteado, nos lentes, nos acenos, na voz, nos tics, no vestir, nos pasos... E namentres se confecciona tan espectacular función garduñanche a carteira, a casa e a patria.

Iso de pavonarse, de ser o divo o number one, o sedutor macho alfa, mesmo disfrazado en bixuterías, está no instinto animal prehistórico e resulta difícil de domesticar, polo que vemos. Líderes non só políticos que son os máis expostos, senón empresariais, relixiosos, culturais, científicos, deportistas... Non só xa os excelentísimos, ilustrísimos señores, fantoches entorchados, enmedallados en brillantinas e bixuterías, con sitio preferente, ou todo o contrario e por detrás do puro fumegante do Che Guevara. Iso si, uns e outros rodeados de flashes a disparar, dispostos a saír sempre na foto, a pelo abrillantinado ou a contrapelo enguedellado. Statusimbols, privilexiados señores dispostos a dirixir, ás veces rodeados de cinematográficas señoras . Hollywood global. Non falta quen asume e reprime estas formas e comportamentos e actuará "ao natural", premiado socialmente tamén pola súa estraña anormalidade.

Neste tempo de muda xeracional e de tantas outros experimentos multimedia, tanto campa o ostentoso e insaciable Trump das arroutadas, como o rebelde catedrático Varoufakis, estudado e feito á medida da globalidade indignada. E sobre a Preysley e canto glamour e erótica de excelentísimos señores a arrodean poderíanse impartir varios másteres. Furando no tema e entre os flahsback, xa imos sabendo do que queremos falar aquí. Compre reparar e fixarse nas estéticas, acordes coas súas correspondentes éticas, agora confeccionadas, teledirixidas, pra enganchar á sociedade a través do espectáculo multimedia, teatro do acontecer retransmitido en directo, entrometéndose no corazón da casa.

A loita pola vida para comer, axuntarse e fornicar... así simplificábase dende Arístóteles até Froid, ou mesmo polo señor Manolo do Carballiño de meu, o que nas súas conversas de taberna pechaba as disputas asentando que "santos con pixa ou santas con cona non existen, pero primeiro hai que xantar e beber". E todos queremos máis e hai quen non se sacia, nin en clásico, nin en posmoderno.

E velaí, dende sempre mulleres e homes, coroados de ouro, con cetro, envoltos en estolas de plumas ou armiño, en frac, en traxe con garabata ou mesmo cubertos cunha gorra ou cun sombreiro, con caxato, vestidos de pana, vaqueiros e camisa de cadros... o poder muda e impón modas e conseguintemente outorga casta e rango, esa primitiva e instintiva atracción, adición, outro xeito de afrodisíaca erótica. A ostentación de poder fascina, ten o seu magnetismo, o "efecto halo" e dereito de pernada. O poder pon. Poder que remata multiplicándose cunha inversión nun mesmo e nos seus lambecús, cousas do antes e despois do síndrome do revolucionario Napoleón e antes e despois del outros. Que foi dos universitarios revolucionarios do maio 68?

A quen berrar e patexar máis, nunha posmoderna prehistoria de simios. Esquecendo o sabio principio "endexamais á explotación dun ser humano por un igual". Fálase de máis e compren os limpamerdas... a casa sen barrer. Atención: chega quen manda, faino uns pasos máis adiante da súa escolta de adictos aduladores, como moscas, fascinados pola erótica azucre do poder, apertóns de mans, golpes nas costas, bicos, ósculos das señoras... impulsivos aplausos, oídos ben abertos... silencio, fala o presidente... e todos acenan que si. A mesma escena repítese. E xa non son os señores do ouropel, representados empoleirados en tronos, dirixindo, nunca nun retrete do común ou sachando no humus. Principiantes aparentemente normais, logo irán collendo a pátina, o pouso pousón do poder da púrpura. Uns e outros arrodeados dun atractivo misticismo, idealización, ese xeito de erotismo que se rega día a día pola adulación. Asumir estas cuestións forma parte do remedio, asuntos que ao fin e ao cabo están na loita de clases que dixo o filósofo de Tréveris, mantra, oración, parte inasumida do "pan noso de cada día...". Tema moi tratado pola filosofía clásica e contemporánea, a hybris grega, a arrogancia, a desmesura campante.Semella que as leccións aprendidas soamente valeron para resolver exames. Os experimentados vellos ofrecían moitas frases o respecto.

As cousas non son como empezan, son como acaban. O poder metamorfosea, o síndrome do poder, da Casa Branca, da Moncloa, do Monte Pío... Os mesmos cans cos mesmos...

Vellos e novos ricos arrodeados do seu halo de poder, admirados, desexados, imitados. O atractivo morbo, as frivolidades, de Berluscony, de Sarcozy, Boyer... as dos grandes e bandulleiros empresarios, que haber hainos tamén. Poder afrodisíaco, ebrios de poder.

Os aduladores dan corda aos gobernantes, tanto do coche oficial como aos da bicicleta, de carteira ou de mochila, edulcóranlle as amargas realidades deica chegar a crer que todo esta alfombrado para iles. Mandamáis atufados polos botafumeiros, propensos aos contubernios e os complots tras as cortinas, á puñalada polas costas na súa soidade. Orixinariamente poder en función da forza e da superioridade, máis hoxe do carisma, da personalidade, do uso e abuso dos medios que son os que meten polos sentidos. Masoquista atracción hitleriana duns cara ao líder, deica converterse en obxecto de desexo. E menos o poder en función do saber e da xustiza. Excepcións hainas.

E os deberes pérdense nesa trabucada "estratexia da ilusión" que diría o espírito crítico dese buscador do oculto da realidade que era Umberto Eco, cando se substitúe a memoria pola imaxe, cando se ispe a ilusión e se muda a realidade pola erótica da manufactura, en obxecto de desexo, para pasar o tempo nada máis, namentres pasa o que pasa neste mundo, máis de muros, valados, vaidades e concertinas.