Como nunca se viu, a lembranza da vida e da obra do escritor Manuel María conciliou e uniu aos galegos nunha normalidade cultural de seu, ao menos por uns días. Namentres o tecido político, industrial, económico que tiña algo de Nós desángrase vampirizado: Nueva Pescanova, Gas natural, Sargadelos, Bemposta... item moito máis. Entre os incensos das cerimonias a sopro de gaita, golpe de tamboril e himno, o país segue a escoarse nas súas creacións, na súa produtividade, a súa banca, a súas empresas, as súas iniciativas, a pesca, a louza, o leit ... e as imaxes da tolemia, gando esmirrado, no esqueleto das súas costelas, labregos mortos no xurro... sen medidas preventivas volven a ameazar os incendios.

A Historia de Galiza é a que é na súa dialéctica, adornarse ou embardállase polo exceso ou o defecto: os que soñan e saben das súas posibilidades e os que seguen a novos adaís, caudillos imperiais, herdeiros dos que abusaron da imaxe dun apóstolo a cabalo e facelo brandir sable sen deixar títere con cabeza. Agora son os plasmas e a internáutica a que mete polos ollos posmodernos e globais supermans. Todo segue a transmitirse a través dun idioma que segue a ser "compañeiro dun imperio" . Idiomas que traducen, transmiten sentimentos, trafegos, ires e vires.... E Galiza ten o seu idioma, pese a quen pese, coas súas cicatrices ben marcadas tamén. Xeito de comunicación feito con anacos de Historia, herdos, tradicións, creacións, seleccións, adopcións polas relacións. Mesmo o seu xeito de tratalo, de empregalo denota clases, castas, rangos e o estado da cuestión da súa mesma saúde. Non teremos máis que acender o televexo e sentir que manda a anormalidade estridente, o neoesperpento.

Aínda así a forza do espírito rebordará por algures e reclama, fíxoo onte, faino hoxe e farao no porvir, a desenmascarar as sutís marxinacións "democráticas", os fumes anestesiantes dos botafumeiros e a súa museización.

Normalizar é cousa máis de praxe que desa teoría que todo reduce hoxe a tweets (verba-proba de que mandan os imperios e as tecnoloxías), a slogans, a titulares.... que son os que molan, amolan e enredan nas redes. A un século da creación das Irmandades da Fala, movemento de sensibilización na causa de Galiza pasa a collerse con pinzas e obxectualizarse en paneis e conmemoracións, lección para novo estudo. Aínda que a orixe, a orixinalidade, a identidade tende a esvaecer e confundirse na máis forte uniformidade, na globalidade multinacional, con franquicias que abusan dunha democracia que da estribo e espola aos máis fortes.

E como moitas iniciativas galeguistas principiadas en catacumba, cova céltica, arredor dunha mesacamilla con pretensións de artúrica táboa redonda... tramadas en rebotica, círculo ou academia, inicialmente envoltas en certa purpurinada cascarilla ou galería, intelectualismo propio das excentricidades do Modernismo. As Irmandades da Fala, con nome así de contundente, no relativo a espallar e coidar o idioma, naceron nesta cidade do Faro de Breogán e da súa Pedra do Destino. A Coruña é niño portuario, tramado por fíos de lendas e de historias, onde tamén a Condesa de Pardo Bazán asentaba cátedra, tan oposta ás leccións de galeguidade de Murguía e dos seus seguidores. Entre os antecedentes non se debe esquecer a aquel patriarca, "frasquiño de esencias" que abriu camiños pra que circularan coa dignidade integral galega, comezando pola súa casa. Para que logo os novos, rachando cos mestres, como pasa sempre, seguiran adiante. Aínda hoxe hai que quitarlle o sombreiro á Coruña no relativo a escritores, creadores e a iniciativas, sen faltar o oportunismo das apelidadas "de Galicia" a pesares da ausencia desas particularidades coas que se constrúe o universal, de informar para formar, comezando polo idioma galego que incluso chega a entenderse como incómoda interferencia no seu orixe. Prima o formato e a dirección en castelán, o galego será o insólito, como no circo o clown elegante en chaleco broslado en prata-ouro e o esfarrapado e zapatóns pailán de pana que apanda co que lle botan pra crear imaxe de parvo. Normalizar, máis alá das estridencias esperpénticas e das liturxias de días e actos, segue por ser. Ser ou non ser.

Ante cousas semellantes e máis arcaicas, un 18 de maio do 1916 nace na Coruña -a cidade da Academia Galega, daquela sen espazos propios, pero si a servirse doutras covas e reboticas- a primeira Irmandade da Fala. Nesta será arredor do sadense Manuel Lugrís Freire, curtido activista, formado na empresa portuaria da Coruña, na administración local en Oleiros e na emigración a Cuba, secundado polo historiador e poeta, tamén home de chalina e tertulia, Florencio Vaamonde Lores, do libreiro Uxío Carre Aldao, o que abre a unha saga de intelectuais aínda esquecidos... contando con Francisco Tettamancy, empresario, administrativo, emigrante a Arxentina, historiador... do vivarense Ramón Vilar Ponte, xornalista, de Víctor Casas, Díaz Baliño, Castelao, Cebreiro...e mesmo de mulleres, fundamentalmente dedicadas ao ensino dende unha ótica republicana, Elvira Bao, María Miramontes, Micaela Chao, Xenoveva Casal, María Barbeito.... o exemplo espállase por Galiza adiante, fomentando as corais galegas, un Conservatorio Nazonal de Arte Galega, o xornal A Nosa Terra, as editoriais que abren a iniciativas como Céltiga no Ferrol, Lar e Nós na Coruña, Alborada en Pontevedra, preocupados pola elaboración dunha gramática, de dicionarios, do ensino en galego, da importancia do teatro, da música...creadores do Partido Galeguista. Nas asembleas de Lugo do 18 de novembro do 1918 queda constituído este movemento de sensibilización: a caciquería, o sucursalismo madrileño son os obxectivos. Pois velaí que do rexionalismo dáse o paso ao recoñecemento das características identitarias, ao nacionalismo galego.

Reedescubríanse lendas confundidas coa Historia, arredor dos castros, dos celtas, da Raíña Lupa e o Libredón, lendo aos cronistas grecolatinos, o ouro e os fabulosos ourives galaicos, os tesouros antigos... as fazañas intiemperialistas do Medulio, o gloria de Xelmírez, o Mestre Mateo e o Pórtico da Gloria... os Irmandiños fronte aos señores feudais encastelados; nas relacións atlánticas, agardando por un rei Arturo e un Merlín por medio, na apoteose dos trobeiros e nas súas cantigas... nos rebeldes militares contra o centralismo madrileño, fusilados en Carral... motivos que argumentaban artigos, discursos, pregóns, mitíns, arte.... Asumindo tamén que esta esquina que foi Gallaecia e Suevia, tamén en todo tempo, até hoxe, deu adaís, "perros gallegos" que dirían os musulmáns, emperrados en "imperios hacia Deus".

Gastamos horas e medios, esforzos, ideas tentando reconstruír paraísos perdidos, creando Seminarios de Estudios Galegos, Partido Galeguista, Laboratorio de Formas de Galicia, A Nosa Terra, ¿quen ten hoxe esas históricas cabeceiras? Acertos culturais que non prescriben para a normalización dun pobo. Leccións e experiencias que non parecen aprendidas e menos melloradas. O final da vida de Díaz Pardo, alumno dos mestres das Irmandades, foi en total soidade, pechado, sen luz, nun edificio que sería para Instituto Galego da Información, IGI... aquel mago, entre tantas cousas creador da imaxe dun apóstolo matarratas, as ratas. Todo un símbolo que saber ler. Hai que cavilar sobre o feito e o desfeito. Queremos dicir compren intelectuais cos pés no chan, detrás do mostrador da normalización. Miramos a un pasado dourado sen enxergar o presente.