Ninguén pode negar que a aportación literaria máis salientable do escritor Manuel María, ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, é a súa obra poética. Pero esta obviedade non debera acochar que o segundo xénero no que o poeta da Terra Chá foi máis prolífico é o teatro. Manuel María, ao igual que tantos escritores do século XIX e de comezos do XX, concibía o teatro como un arma de expansión da lingua e da conciencia nacional, ademais dunha arte marabillosa coa que emocionar aos espectadores. Para el, como para Ricardo Carbalho Calero ou Jenaro Marinhas del Valle, a construción despois da Guerra Civil, dun teatro escrito en galego era fundamental. Dos tres, o que máis fortuna tivo coa posta en escena das súas pezas dramáticas foi Manuel María. Son incontables as representación que en teatro escolar e en teatro amador leva a súa obra Aventuras e desventuras dunhas espiña de toxo chamada Berenguela, un xoguete teatral enfocado ao público xuvenil, onde advirte a adolescentes e pequenos dos perigos que o uso do poder ten para a humanidade. O autor chairego, ao igual que na súa creación poética, foi moi prolífico na escrita dramática e, daquela, tamén un autor ao que lle interesaron moitos xéneros teatrais. O seu teatro poético abrangue obras como o Auto do prisioneiro, o Auto do labrego, o Auto do mariñeiro ou o Auto da costureira. Tamén tentou a recuperación de certas tradicións, poñamos por caso "os maios", no seu Auto do Maio. A lectura de Bertolt Brecht e doutros dramaturgos europeos levouno a concibir un teatro político-histórico, no que tentou reflectir momentos non exentos de certa épica na nosa historia, como en Unha vez foi o trebón, cuxo telón de fondo son as revoltas irmandiñas, Abril de lume e ferro, onde a revolución do 1846 é a protagonista, ou en A lúa vai encoberta, na que tenta recrear o nacemento do nacionalismo galego. Pero hai dúas das súas obras, sen esquecer a Farsa do Bululú, nas que Manuel María amósase como un magnífico coñecedor das estruturas internas das pezas teatrais: Barriga Verde e Edipo. A primeira é unha farsa na que homenaxea ao personaxe Barriga Verde que a comezos de século, percorría cos seus monicreques as vilas de Galicia. A segunda é, se cadra, a súa peza máis elaborada, presentándonos unha visión do mito clásico moi amable e sorprendente, cunha relación entre o vello cego Edipo e a súa filla Antígona, rica e complexa. Non quixera, nesta pequena viaxe polo teatro de Manuel María, esquecer un texto que nos uniu a ambos dun xeito especial: O comparchufeiro. Unha peciña de teatro radiofónico, que eu mesmo lle encarguei e que foi estreada en RC Española nas I Xornadas de Teatro Radiofónico que se celebraron en Galicia, e que tiven o pracer dirixir na compañía da xornalista Ana Pontón. Como se pode observar, polo cantidade de obras dramáticas escritas polo noso autor, o teatro non foi un rasgo menor da literatura de Manuel María, senón que o escritor deulle un valor fundamental no conxunto da súa obra. Agora toca a profesionais e políticos apoiar a posta en escena que o titánico esforzo de imaxinería que Manuel María dedicou á arte de Talía, se merece.