Quen está dando o golpe de estado en Turquía? A intentona dos militares de hai uns días foi condenada unanimemente por unha morea de países. O que ocorre é que desde a intentona, ninguén condena con claridade os despropósitos de Recep Tayyip Erdogan. As cifras da purga xa acadan os setenta mil represaliados. Setenta mil persoas das diferentes capas sociais do país pero, curiosamente, cun denominador común: son xente con formación. Xuíces, fiscais, funcionarios, mestres, catedráticos, xornalistas. Son setenta mil persoas pero, curiosamente, desde un punto ideolóxico teñen algo en común: todas son laicas ou son islamistas que non comulgan coas políticas de Erdogan. Turquía é un estado tapón. Un membro da OTAN que fai moito do traballo sucio no chamado Oriente Medio. E ao que, agora, Merkel deu carta branca para resolver o problema dos refuxiados. O goberno actual tramaba, desde hai tempo, unha represión contra os contestarios civís e militares contrarios ás súas decisións. O país está asolagado en demasiadas frontes: a loita contra os independentistas kurdos, a batalla contra o ISIS, os refuxiados, a oposición ao réxime, a crise económica?demasiadas leas. Había que limpar o panorama. Por riba, os kemalistas e o exército entraron en pánico. Desde hai algo máis de tres anos, Erdogan e os seus correlixionarios veñen realizando unha purga, lenta pero férrea, contra certos mandos e certos políticos que se opoñen á creación dun país islamista. Recordemos que desde a desaparición do Imperio Otomán, Turquía é un estado laico. A certeza de que isto puidese mudar en calquera momento foi o que levou a unha ínfima parte dos militares turcos a protagonizar o intento de golpe de hai uns días. Sen xustificalo, permítanme unha pregunta: como se deteñen setenta mil persoas nunha semana se non están fichadas con anterioridade? Por que a UE cala a boca diante do recorte de liberdades que se está a producir en Turquía? Como é posible que se suspenda a Convención Europea de Dereitos Humanos e Europa non diga nada? Sexamos sinceros, que Turquía participe en Eurovisión ten un pase, pero Turquía nunca foi Europa. Abonda con lembrar aos persas ou o sitio de Viena. O seu xeito de vivir, a súa civilización non é a nosa. Pero para Merkel e os seus socios élles útil. En Alemaña viven moitos turcos. Ninguén de vostedes é inxenuo. Todos sabemos o que é unha comisaría turca. Aí, danse malleiras por menos de nada. Non digo que as cousas continúen como na película O expreso de medianoite de Alan Parker, pero coa suspensión da Convención Europea de Dereitos Humanos, seguro que moitos verdugos están gozando, están no éxtase, aplicando todo tipo de torturas aos detidos. Sei que este artigo non é politicamente correcto, pero é que o que sucede en Turquía tampouco é correcto. Ai dos inocentes de Istambul. O seu presidente sen deixar de ser un sátrapa tamén quere ser un dictador.