En Argamasilla de Calatrava, un pobo de Ciudad Real, un problema de desaveniencias amorosas entre unha parella, foi o motivo para que dous clans xitanos se enleasen a tiros. Unha evocación do far-west ou da ópera Capuletos e Montescos de Vincenzo Bellini baseada na traxedia de William Shakespeare Romeo e Xulieta.

Non deixa de resultar curioso que Shakespeare sitúe ao reflexivo Hamlet en Dinamarca e a Otello en Chipre, ao igual que traslada ao sur de Europa o drama dos amantes de Verona. Non son certamente gratificantes este tipo de noticias. As cousas non se resolven a tiros. Como tampouco é gratificante que sigamos sen goberno. Supoño que os partidos políticos son conscientes de que se imos a terceiras eleccións non poden presentar aos mesmos candidatos. Sería un fracaso do sentido común.

Porque os catro xa fracasaron nas dúas convocatorias anteriores. O certo é que xa tiñan que ter dimitido. Rajoy, en decembro, e os outros tres en xuño. Pero aquí non temos esa tradición. Xa saben, a de dimitir. Claro que, como a nosa sociedade xa se acostumou a igualar por abaixo e non por arriba, pois diremos, e con razón, que mellor estamos aquí que no Brasil da corrupta Dilma ou na Venezuela do condottiero Maduro, que nomea a xenerais imputados por narcotráfico, ou na Nicaragua de Ortega, que traizoa o legado de Sandino converténdose nun dictador de opereta.

E isto é así. Pero tampouco é grato vivir nun país como o noso, onde os políticos seguen véndonos como cativos e non nos queren dicir a verdade ou cando menos non toda a verdade. Que é iso de que a xente non comprendería a abstención do PSOE na investidura de Rajoy? Se os socialistas votan en contra nunha primeira convocatoria e se absteñen nunha segunda, dando as explicacións pertinentes, todo o mundo o vai entender. Se cadra, algúns dos seus militantes non.

Pero a xente si. Menos paternalismo barato. Sabemos que estamos vivindo unha segunda transición, pero non cometamos os erros que tivo a primeira. Un dos cales foi que os políticos mantiveron un trato infantil co electorado, tomando aos seus posibles votantes como a criaturiñas. E deixemos de usar a ideoloxía como desculpa para as torpezas propias. Ser de esquerdas ou de dereitas non xustifica certos comportamentos. Ademais, dividir a España actual en esquerdas e dereitas é un atraso. O que pasa que os que pensan que o mundo se divide en A ou B, fan máis ruído que os que pensan que existe todo una abecedario de posibilidades. Os macarras berran máis que os silenciosos, pero iso non significa que teñan razón.

Temperanza. As diferenzas non se deben resolver con violencia, e menos a tiros. E un dato, para aqueles que igualan por abaixo en lugar de por arriba. Esa xente que sabendo que en Cuba se está mal, afirma: "Pero en Haití se está peor". Non se trata diso, senón de poñer a Cuba e a Haití no lugar que lle corresponde. Porque, con todos os nosos problemas, os nosos compatriotas emigran por falta de traballo, non por medo a perder a vida. E digo isto, porque este ano houbo 7.000 mil solicitudes de asilo político en España cursadas por venezolanos fronte a 1.200 cursadas por sirios. Revelador, non? Tamén diremos neste caso que peor están en Haití? E, por último, unha pregunta: que demo facían uns turistas occidentais en Afganistán? Esas cabeciñas, señor. Ou é que non sabían que alí, as diferenzas políticas e os problemas amorosos se resolven a tiros?